Montse Prado: "As políticas de emprendemento e autónomos da Xunta foron un fracaso"

Montse Prado
Montse Prado

Para a nacionalista o goberno galego fracasou nas súas políticas de fomento do emprendemento destinando  investimentos millonarios que non resolveron a situación das persoas autónomas

Trala comparecencia do conselleiro de Economía, Industria e Emprego, Francisco Conde para informar da Estratexia de Autónomos 2020, a deputada do BNG, Montse Prado afirmou que “está feita para mellorar as estatísticas de emprego e non para mellorar  as condicións das persoas autónomas”. As novas medidasas proporcionan condicións favorables para que persoas desempregadas se dean de alta como autónomas pero non ofrecen garantías para continuar coa actividade laboral.

Moitas destas persoas, engadiu Prado, perciben o autoemprego, o emprendemento e o traballo autónomo como “un cravo ardendo” e  na realidade non é unha oportunidade ou saída laboral. As axudas, “duran o que duran” e as persoas que se acollen a este modelo  e se afilian  deixan de figurar como desempregadas, aínda que logo abandonen a actividade,  “cheos de débedas e  proxectos frustrados”.

As políticas de fomento do emprendemento impulsadas polo Partido popular nos últimos anos, foron “un fracaso” e o PP carece dun  modelo produtivo, dun modelo de   industrialización unha  proposta  para o peche de ciclos produtivos. Négase a ter instrumentos para poder actuar, vota sistematicamente en contra das propostas do BNG como un modelo de financiamento, un concerto que favoreza a Galiza, tarifa eléctrica galega, sistema financeiro propio, banca publica galega, control das nosas infraestruturas como a  AP-9, denunciou a nacionalista.

Ante esta situación advertiu que de non cambiar o modelo, a Estratexia de Autónomos 2020 será un novo “fracaso” na creación de emprego e o Goberno galego  seguirá sendo unha “delegación administrativa”, ao servizo da oligarquía, e nin sequera galega, senón madrileña.

Nos últimos 8  anos, explicou a deputada do BNG, Galiza perdeu 13.321 autónomos e autónomas sendo unha das tres comunidades con máis perda no primeiro semestre de 2017. Máis do 85% dos autónomos non supera a base de cotización mínima, que chega ao 90% cando teñen unha idade inferior aos 40 anos, e acercándose ao 100% nos que levan menos tempo de alta. A xubilación media dos autónomos galegos roza o limiar da pobreza e con datos de agosto de 2017, “a pensión media dos autónomos en Galiza é de 556 euros, mentres que no conxunto do estado sitúase en máis de 600 euros”. O 80% xubílase con pensións que non chegan ao salario mínimo. 707,70 euros e dos proxectos de emprendemento iniciados o “80% morren nos dous primeiros anos e outro 10% no quinto ano”.

Finalmente, a parlamentaria pediu ao titular de Economía, Industria e Emprego un cambio de orientación nas políticas da Xunta  para xerar emprego porque, ao seu xuízo,  “os datos evidencias que as medidas impulsadas polo PP non serviron para incrementar o número de autónomos, nin as súas rendas, nin a súa protección social, nin a súa calidade de vida”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG