Montse Prado pide á Xunta que rectifique e prime a calidade do servizo na adxudicación do transporte sanitario urxente

“Volven saltar as alarmas, o malestar e a preocupación”, denunciou tras o veto do PP a iniciativa do Bloque

O BNG pide á Xunta que rectifique e paralice o concurso de adxudicación do transporte sanitario urxente terrestre posto que, pese ao fiasco derivado da última adxudicación, o PP volve repetir o mesmo esquema primando o criterio económico sobre calquera outra consideración incluída a calidade da prestación deste servizo sanitario.

“Volven saltar as alarmas, o malestar e a preocupación”, advertiu a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, “pois o PP reincide na cuestión económica que volver ser o principal baremo na adxudicación en lugar da calidade do servizo, chove sobre mollado e o PP non aprende e reincide en dar un servizo de peor calidade”, explicou durante a defensa da súa proposición non de lei.

Ademais do criterio meramente economicista por riba do da calidade na prestación do servizo, Prado denunciou o recorte de medios técnicos e humanos que se prevén na adxudicación do servizo, con supresión de efectivos nas ambulancias de soporte vital  avanzado que se prevén para Monforte ou para a comarca do Salnés.

As condicións do concurso, “non van solucionar os problemas e as demandas da poboación e dos profesionais, nin en dotación de ambulancias medicalizadas en Valdeorras, Baixo Miño, Barbanza que levan tempo con esa reclamación, nin co previsto para ambulancias básicas e vemos con preocupación tamén que as novas ambulancias de soporte vital avanzado,  -unha para Monforte e outra para o Salnés-, faise suprimindo persoal sen ningún tipo de xustificación en relación á calidade asistencial”.

De feito, explicou Prado, esta redución de efectivos “rompe o protocolo de atención establecido nun caso de urxencias en detrimento da calidade da prestación”.

Por iso, o Bloque presentou unha iniciativa, rexeitada polo PP, na que propoñía a suspensión do concurso convocado pola Xunta para a adxudicación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre para incluír as seguintes medidas. En primeiro lugar, modificar os criterios de valoración, de tal xeito que sexan as melloras en vehículos, materiais e persoal destinadas a prestar unha mellor prestación ás que computen con maior puntuación, na vez da oferta económica.

En segundo lugar, dotación de todas as ambulancias medicalizadas cos equipos profesionais que viñan tendo até o de agora: dous técnic@s, 1 persoal de enfermería 1 persoal facultativo. Igualmente, non eliminar ningún dos recursos xa existentes neste momento e ampliar as ambulancias que se veñen demandando de xeito constante pola poboación e polo persoal profesional, tanto as de soporte vital básico como as de soporte vital avanzado en Valdeorras, Baixo Miño, Bergantiños. Ningunha prosperou polo veto do PP.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG