Montse Prado pide á Xunta que medie no conflito laboral entre traballadores e empresa de transporte sanitario

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, pide ao Goberno galego que medie no conflito laboral que enfronta aos traballadores e traballadoras e a unha das empresas que presta o servizo de transporte sanitario urxente 061, - Ambuibérica-, cuxo cadro de persoal ten realizado varias xornadas de folga, programados novos paros para as vindeiras semanas e anunciado unha folga indefinida a partir de setembro se antes non hai unha solución.

Os e as traballadoras queren renegociar o convenio colectivo, prorrogado desde fai dous anos, ao tempo que denuncian as condicións de traballo precarias que ten efectos moi negativos tanto no cadro de persoal, -sobrecargado-, como na prestación dun servizo sanitario urxente.

Neste sentido, Prado pediu ao xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa, “que exerza a súa responsabilidade e non xogue con algo tan esencial como o servizo sanitario urxente porque pon en risco a vida e a saúde das persoas”, insistindo na petición de mediación.

“Convoque ás partes e medie porque non se trata dun conflito menor, senón dun servizo tan importante como o transporte sanitario do 061, no que se acumulan as males praxes, onde os profesionais viven un abuso permanente, así que deixe de mirar para outro lado, de intentar dar sensación de normalidade cando a situación é límite”, recalca a deputada nacionalista.

Prado xa ten levado á Cámara as denuncias e advertencias sobre o proceso de adxudicación do servizo 061 a esta empresa que acumulaba irregularidades e que logrou o contrato “baixo sospeitas de trato de favor e cunha baixa temeraria e baixo advertencias de que esas condicións ían repercutir nas condicións laborais e na calidade do servizo asistencial” como así se confirmou, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG