Montse Prado pide á Xunta que loite pola renovación da frota galega como fixo Euskadi para os atuneiros

Montse Prado
Montse Prado

Euskadi demostrou que é posible con peso político, pero en Galiza “hai unha mala xestoría executora do que manda Madrid e Bruxelas”, criticou

O BNG demanda da Xunta que defenda a renovación da frota galega en lugar de limitarse a aplicar con dilixencia os ditados de Madrid e de Bruxelas para o despece de barcos, provocando unha redución do 20% na cifra de embarcacións nunha frota que, ademais, ten un elevado nivel de antigüidade.

A portavoz de Pesca, Montse Prado, alegou que o Goberno de Euskadi demostrou que si é posible conseguir variar a normativa para que en lugar de despezar barcos se podan renovar e modernizar. É o caso da frota atuneira que opera en caladoiros de longa distancia, -vasca na case súa totalidade-, que poder ser modernizada e mesmo ampliar a súa capacidade de pesca despois de que o Executivo de Iñigo Urkullo negociase unha modificación do RD 790/2015.

“Non é certo que nada se poda mover, Euskadi logrouno e parécenos ben pero queremos o mesmo para a frota galega”, salientou Prado na Comisión de Pesca, “esa é a diferencia entre ter un goberno capaz de dar un peto na mesa, que exerce o seu peso político para defender o seu sector pesqueiro e outro que, como a Xunta, é submiso e actúa como unha mala xestoría que só executa o que lle mandan desde Madrid e Bruxelas”.

Renovar a frota suporía xerar emprego nos estaleiros, ter barcos máis competitivos, mellorar as condicións de seguridade e de habitabilidade dos e das traballadoras do mar e, en definitiva, acadar un sector moderno e con futuro, argumentou a deputada, tras salientar que Galiza “é a nación con máis dependencia do sector pesqueiro de toda a Unión Europea”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG