Montse Prado pide á Xunta que garanta a calidade do servizo de transporte sanitario urxente

Montse Prado
Montse Prado
  • “Que lles parecería se sofren unha urxencia e ven buscalos unha ambulancia sen a dotación e o persoal necesarios?”, pregunta ao PP

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, pediu á Xunta que tome as medidas necesarias para garantir a calidade asistencial do servizo de transporte sanitario urxente, adxudicado a unha empresa que acumula denuncias laborais e que está sendo investigada polo Xulgado nº2 de Santiago.

A empresa Ambuibérica vinculada a un cargo do PP, denunciou Prado, obtivo a concesión do servizo despois dunha baixa temeraria e sumando irregularidades no proceso, como o feito de que tivese “persoal contratado e ambulancias rotuladas antes de terse fallado o concurso”.

Na prestación do servizo, o BNG advirte da falta de control sobre o número de ambulancias que se están usando, falta inspección para valorar se cumpren os requisitos recollidos no prego de contratación e a utilización de ambulancias sen a dotación necesaria e sen o persoal de apoio acaído cando se trata de atender urxencias sanitarias.

“Todo isto provoca un deterioro da calidade asistencial prexudicando aos doentes”, denunciou Prado, quen definiu a situación de descontrol e deterioro deste servizo como un síntoma máis dunha “sanidade pública enferma, enferma de recortes, enferma de listas de espera, enferma pola falta de persoal asistencial necesario”. “Cambien os criterios mercantilistas polos da calidade, porque estamos falando da saúde das persoas”, instou Prado.

A iniciativa do Bloque incluía tres medidas concretas para garantir a calidade do transporte sanitario urxente: Control sobre a prestación do servizo nas condicións adxudicadas, presentación dun informe de avaliación no Parlamento e esixir da concesionaria o uso de ambulancias con dotación e persoal de apoio acaído.

Prado, ante a negativa do PP, tachou de “denigrante” ter que pedir no Parlamento “algo que o Goberno debería facer de oficio”, e concluíu a súa intervención na Cámara cunha pregunta a bancada popular: “Que lles parecería se sofren unha urxencia médica e veñen buscalos unha ambulancia sen a dotación necesaria e cun condutor sen persoal de apoio?”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG