Montse Prado pide medidas para mellorar a produción e condicións económicas nas zonas de libre marisqueo na ría de Arousa

Montse Prado
Montse Prado

Lembra que as rendas  medias ascenden a 500 euros brutos ao mes e hai 1.500 permex menos a respecto do ano 2009

A deputada do BNG, Montse Prado, formulou hoxe unha pregunta á consellería de Mar sobre a situación económica das persoas mariscadoras nas zonas de libre marisqueo da Ría de Arousa.

Para a nacionalista, a consellería non está aplicando medidas que melloren as condicións de vida das persoas que se dedican ao marisqueo e que cobran “500 euros brutos ao mes” dos que deben descontar a correspondente cantidade á Seguridade social. A demais, criticou que na actualidade existen 1.500 permex menos a respecto do ano 2009. Esta renda, dixo, “non permite vivir con dignidade” e o marisqueo é “unha profesión” non unha actividade esporádica como axuda á economía doméstica.

A deputada criticou que a consellería de Mar se ampare nos fondos europeos para o sector da pesca cando en realidade, dixo, “a execución deses recursos é raquítica” e non foron destinados a zonas de rexeneración.

Prado asegurou que a “desidia” da consellería leva a moitas confrarías a desligarse dos  bancos sobre todo porque “non se preocupou pola mortaldade do berberecho” e a asociación responsable descoñece cando e como lle pagarán as axudas para a vixilancia, a compra de marisco, e  rexeneración en xeral.

A parlamentaria volveu a preguntar se a consellería de Mar “vai deixar aos mariscadores a súa sorte” ou vai continuar exclusivamente  vixiando para  non detectar algún molusco bivalvo que non cumpre a talla para despois pechar a explotación por un tempo.

A deputada nacionalista lamentou a falta de  “compromiso da consellería co sector do marisqueo”, máis pendente de   “fiscalizar” que de  solucionar os verdadeiros  problemas, concluíu.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG