Montse Prado “O peche de camas e quirófanos aumenta as listas de espera e dá negocio á sanidade privada”

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, denunciou na Cámara que o peche de camas e de quirófanos incrementa as listas de espera,  deteriora a asistencia ás persoas doentes e supón un aumento do negocio para a sanidade privada. 

“No fondo ese é o obxectivo que perseguen desde a Xunta, máis derivacións de usuarios e usuarias á hospitais privados, convertendo en estrutural un recorte de recursos ligado ao período estival”, alegou. 

Prado foi moi crítica coa falta de transparencia do SERGAS e demandou da Consellería de Sanidade “que deixe de xogar cos datos, porque os galegos e as galegas temos dereito a saber que se fai cos orzamentos públicos”, en relación a súa pregunta para obter información actualizada do número de recursos pechados e a que especialidades afectan. 

Os recortes continuados na sanidade pública están a ter efectos directos sobre as persoas doentes, e puxo como exemplo o caso de Vicente, un moañés que pasou máis de dous meses esperando a que lle retirasen un fixador metálico nunha perna cando xa estaba totalmente curado, “iso é o que o PP non ten en conta, o sufrimento que hai detrás dos seus recortes en sanidade”, lamentou. 

A deputada tamén denunciou que o peche de efectivos incrementa o volume de negocio das aseguradoras privadas, “cada vez con máis cota de mercado”, ao igual que aumentan os recursos públicos derivados á privada. “En definitiva, menos sanidade pública, máis sanidade privada, menos calidade asistencial universal e gratuíta, e máis negocio a conta da saúde”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG