Montse Prado denuncia que o SERGAS reparte material sanitario defectuoso entre o seu persoal

Montse Prado
Montse Prado

Alerta da distribución de  1.640 máscaras, Presurgy KN95 / FFP2 SHUYIAN defectuosas  subministradas en tres hospitais da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, Montecelo, Provincial e Salnés, das que 575  foron utilizadas, tanto en salas COVID como en salas non COVID.

Exixe que o material sexa previamente “verificado”  e medidas que garantan a protección das profesionais  con material adecuado  en calidade e cantidade.

A deputada do BNG, Montse Prado  pregunta ao goberno galego "até cando á Xunta de Galiza vai seguir poñendo en risco a saúde e a vida dos e das profesionais da sanidade pública?"

A pandemia ocasionada pola COVID-19, explica a nacionalista,  puxo ao límite o noso sistema sanitario e sobre todo, evidenciou a necesidade  de investir en saúde porque  “os continuos recortes de recursos económicos e humanos, non poden volver a repetirse”.

A primeira lección que nos deixa esta crise, recalca Prado,  é a constatación de que o máis valioso da sanidade pública “é o seu persoal, e os magníficos e magníficas  profesionais, que outra vez máis,  volveron a dar  o mellor de si  arriscando a súa vida e saúde para garantir a saúde da poboación”. Sen ambargo,   dous meses despois de decretarse a emerxencia sanitaria e o estado de alarma, “continúan as  deficiencias  que  aumentan o risco de contaxio e  inseguridade”.

Máscaras defectuosas  para  persoal sanitario

A parlamentaria do BNG explica que sigue sendo motivo de preocupación e  denuncia que a día de hoxe, o persoal continúe sen  material de protección suficiente e axeitado contra o risco de contaxio da Covid-19, e sen a  realización  de test masivos para  todo o persoal. As alertas por materiais que non cumpren co nivel de protección especificado, especialmente as máscaras, empezan a ser habituais e tras  a situación xerada no CHUO e nas ambulancias, encontrámonos con novas denuncias.  A última, explica Prado, a referida ás máscaras Presurgy KN95 / FFP2 SHUYIAN que foron identificadas como defectuosas e das que foran subministradas 1.640 entre os tres hospitais da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, Montecelo, Provincial e Salnés. Desa cantidade, inmobilizaronse, 1.065 tras a alerta sanitaria pero   “575 foron utilizadas, tanto en salas COVID como en salas non COVID. E o grave é que esta situación repítese por  da terceira vez”, afirma deputada do BNG.

É preciso, que de inmediato sexan aplicadas  medidas para garantir a protección das profesionais para  minimizar os contaxios con dotación de material adecuado, tanto en calidade como cantidade e que se impida a distribución de “material antes de verificar a súa idoneidade”. Tamén é necesario poñer  en marcha  protocolos en cada unidade e servizo, baseados na evidencia científica, no risco de contaxio, e non en base á disposición de material. Todas estas medidas deberán ir acompañadas da realización de test a todo o persoal sanitario.

“Está moito en xogo” e non podemos tolerar que a vida e a saúde dos e das profesionais sexan sometidas ao risco diario de contaxio pola falta de material idóneo. “A Xunta ten a obriga de velar pola seguridade do persoal sanitario  e as denuncias demostran que non o está a facer, a pesar da gravidade da situación”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG