Montse Prado denuncia a indefensión da costa galega 15 anos despois do Prestige

Montse Prado
Montse Prado

A deputada do BNG reclama para Galiza as competencias en seguranza marítima

O BNG denuncia que 15 anos despois do Prestige a costa galega segue igual de indefensa que cando a “incompetencia” dos gobernos do PP na Xunta e en Madrid “converteron un accidente na maior catástrofe ambiental de Galiza”.

Nada cambiou tampouco en materia de seguridade mariña, xa que as decisións seguen adoptándose en Madrid a centos de quilómetros do corredor de Fisterre “polo que pasan 35 bombas cada día” en forma de embarcacións con mercadorías perigosas, salientou a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado.

Non hai portos refuxio, non se fixo unha avaliación ambiental do desastre, non se fan simulacros, o mando ante unha catástrofe segue en Madrid e afondouse na privatización do servizo de salvamento e loita contra a contaminación mariña “porque o PP aposta por facer negocio coa seguridade da nosa costa e da xente do mar”, criticou Prado, quen salientou as conexións entre a privatización dos helicópteros de salvamento coas irregularidades dos helicópteros de loita contra os lumes.

O Bloque denuncia a venda en 2012 por parte de Feijóo de dous helicópteros de salvamento pola metade dos 27M€ que custaron en 2005, precisamente á mesma empresa, -INAER-, beneficiaria da suposta adxudicación irregular dos helicópteros de extinción, e un contrato que pasou de custar 2 a 9 millóns de euros.

Prado lembrou que pola costa galega transitan a diario un centenar de embarcacións das que o 33% transportan mercadorías perigosas, e reclamou “á transferencia á Xunta das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación, porque o mar galego non pode estar xestionado desde Madrid”.

Reverter privatizacións

Igualmente, o Bloque propón elaborar un Plan de continxencia de loita contra a contaminación, recuperar o proxecto de investigación das mareas negras, recuperar o seguimento da saúde das persoas que participaron en primeira liña na limpeza do chapapote e facer un seguimento do estado no que se atopan as zonas afectadas pola marea negra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG