Montse Prado advirte que os 348.415 doentes derivados confirman a privatización da sanidade pública

Montse Prado
Montse Prado

O custe destas derivacións, - de 611M€-, son recursos que pasan a engrosar as contas dos hospitais privados en detrimento dos públicos

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, considera que os datos de doentes e de recursos derivados a centros hospitalarios alleos ao SERGAS confirman “á privatización sen pausa da sanidade pública emprendida polo PP”, mentres se procede a un desmantelamento progresivo do sistema público de saúde, con menos profesionais e recursos.

En concreto, o SERGAS derivou á centros privados cos que mantén algún tipo de concerto económico un total de 348.415 doentes no período 2013-2017, o que supuxo un custe para as arcas públicas de 611 millóns de euros, segundo a información facilitada pola Xunta á pregunta formulada polo BNG na comisión parlamentaria de Sanidade.

Os doentes derivados corresponden a 125.904 para cirurxía e 222.511 para probas diagnósticas, un 2,2% do total das persoas atendidas segundo as cifras aportadas polo departamento que dirixe o conselleiro Xesús Vázquez Almuíña. Estas derivacións de pacientes e de fondos á sanidade privada prodúcese nun contexto de anos de recortes no SERGAS, como veñen denunciando reiteradamente os profesionais da sanidade pública, recortes que foron masivamente contestados na multitudinaria manifestación do pasado 4 de febreiro en defensa do sistema público de saúde.

Prado salientou a situación “da sanidade real en contraposición á imaxe que proxecta o PP a base de propaganda, cando están nun proceso de deterioro da sanidade pública para facilitar o traslado de doentes e de recursos á sanidade privada”. “A derivación de doentes é constante e agora están poñendo o acelerador”, advirte, “de feito a preocupación da poboación é evidente e así se lle traslada ao BNG porque nos preguntan que poden facer para non ter que ir á privada, co temor de que senón aceptan os penalizan ou directamente os sacan da lista de espera”, denunciou a deputada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG