A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre a situación laboral da mocidade galega, a parlamentaria do BNG, Montse Prado denunciou que o “34% vive en situación de pobreza e unha gran parte do colectivo só pode escoller entre “contratos lixo, precariedade, baixos salarios e emigración” ou converterse en “falsos autónomos”.
A parlamentaria indicou que dende o 2009 ao 2016, 61.200 persoas deixaron de ser poboación activa, e esta perda produciuse principalmente na mocidade. “A mocidade de 16 a 24 anos pasou de representar o 8,5% no ano 2009 ao 4,7% no 2016. E a poboación de entre 25 e 34 anos, que representaba o 27,3% no 2009 pasou a representar o 19,5% no 2016”, afirmou.
Ademais, nos anos de crise “perdéronse 160.00 empregos” e do ano 2009 ao 2016, 124.200 persoas, de entre 16 a 34 anos perderon a súa ocupación. A pesar de que o ano 2016 foi un ano de creación de emprego, o 95,2% é” temporal”, circunstancia que comparou co ano 2015 no que a temporalidade representaba 25,4.
A nacionalista criticou a “nula efectividade” das políticas laborais da Xunta e reiterou que o 34% da mocidade galega “está en situación de pobreza” polo que volveu a preguntar que previsión contempla o goberno para reverter esta realidade.
Pola súa parte, a Secretaria xeral de Traballo, Covadonga Toca afirmou que descende o paro entre a mocidade menor de 30 años e crece a afiliación en maiores de 30 anos. Ademais de seguir velando pola legalidade das condicións laborais.
A nacionalista replicou que os datos do informe sobre pobreza en Galiza confirman outra realidade moi diferente e ante a falta de respostas das preguntas formuladas, Prado volveu a interpelar a secretaria Xeral polos recursos destinados a mellorar a situación laboral da mocidade e se os programas e campañas son as adecuadas para acadar este obxectivo.
A actual situación laboral non permite aos mozos e mozas galegas iniciar un proxecto de vida “estable e autónomo” e mentres tanto, o goberno galego segue “agochado” detrás de estatísticas. Pasamos de contar con mozos e mozas sobradamente preparados a “mozos e mozas emigrantes moi preparados”, concluíu.