A moción de censura do PP en Tui é un asalto á democracia orquestado polo vicepresidente da Xunta

Feijóo e Rueda
Feijóo e Rueda

Rueda está detrás da estratexia do PP para ganar nos despachos os concellos que perde nas urnas

O BNG denuncia que a moción de censura en Tui responde á estratexia do PP na provincia de Pontevedra para conseguir nos despachos os gobernos municipais que non lle deron as urnas, utilizando “a porta de atrás” para facerse coas rendas dos executivos municipais naqueles casos nos que a cidadanía lles deu as costas.

Un auténtico “asalto á democracia” en palabras de Eva Vilaverde, coordinadora de Acción Municipal da Executiva nacional do Bloque, “asalto puro e duro orquestrado polo vicepresidente da Xunta e máximo responsable do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda, que deixa ben as claras como entende o Partido Popular a democracia tamén no ámbito municipal”.

O BNG considera de “extrema gravidade” que o presidente do PP pontevedrés consume a súa estratexia mesmo utilizando e instrumentalizando o Goberno da Xunta, comprometendo investimentos coas forzas políticas que promoven a moción de censura, en lugar de negociar eses investimentos co Executivo local.

A dirección do Bloque está convencida de que a veciñanza de Tui tomará nota desta maneira de actuar do PP, na que prima os seus intereses partidistas por riba do interese xeral do concello que, ata agora, tiña un goberno municipal que traballaba con total normalidade e en beneficio da maioría social, deixando en evidencia que é posible gobernar Tui doutra maneira.

“Esa é a obsesión do señor Rueda, evitar que se consolide unha alternativa ao PP no concello de Tui, aínda que sexa con escuras manobras políticas. O BNG ten claro que é unha estratexia abocada ao fracaso”, concluíu Vilaverde.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG