parlamento galego

Mini Rvias: "O PP utliza o debate da protección do lobo para agochar a súa falta de apoios ao sector gandeiro"

Mini Rivas
Mini Rivas
Mini Rivas propón medidas e axudas para facilitar a coexistencia do gando cabalar co lobo nunha iniciativa rexeitada polo PP

“Déixense de loitas propagandísticas e desenvolvan políticas de apoio ao sector gandeiro!”. Con esta contundencia recriminou o portavoz nacionalista de Agricultura, Xosé Luis ‘Mini’ Rivas, á Xunta a súa utilización do debate sobre a protección do lobo para “agochar a súa falta de políticas en favor da gandería e o rural galego”.

“O que vostedes están facendo é procurar unha catarse que canalice o malestar das e dos gandeiros en canto ás políticas que vostedes teñen para eles”, reprochou, para recalcar a continuación que “a besta de monte e o extensivo desaparecerán non por culpa do lobo senón polas súas políticas”. Así o manifestou durante a defensa dunha iniciativa no Parlamento galego cun paquete de medidas para facilitar precisamente a coexistencia do gando cabalar co lobo e que no prosperou polo veto do PP.

Ante esta negativa, Rivas incidiu en que “este é realmente o problema”: “a realidade é que os gandeiros están desesperados e fartos e vostedes queren canalizar este malestar cun lazo ou cun tiro ao lobo”. Segundo recalcou, o lobo ten que ser protexido “porque forma parte da biodiversidade e a biodiversidade é sagrada nestes momentos, pola conta que nos ten coma especie”, pero advertiu que esta protección non pode ser “a conta dos gandeiros”.

Para o portavoz nacionalista de Agricultura, estamos ante un exemplo máis de “falta de vontade política”, a que, segundo recalcou, si emerxe en períodos electorais. “O diñeiro para as axudas de prevención si que apareceu e tres días antes das eleccións en 2020”, afeou logo de lembrar que estas axudas para previr e evitar os danos ocasionados polo lobo foran creadas polo Goberno bipartito, despois rebaixadas polo PP e mesmo eliminadas nos exercicios 2013, 2014 e 2015.

Precisamente a iniciativa nacionalista rexeitada polo PP está encamiñada a solucionar as eivas da Xunta neste ámbito de actuación e céntrase en concreto na gandería cabalar en extensivo. Así, entre outras medidas, propón a creación dunha liña específica de axudas dentro do ecoesquema de pastoreo extensivo do plan estratéxico galego para o novo PDR 2021-2027 que estableza un pago compensatorio polos servizos ambientais que prestan e outro pago polo servizo de mantemento e coexistencia cos grandes carnívoros (lobo e oso).

De igual xeito, insta á Xunta a establecer nas futuras ordes de axuda un criterio de conteo de poldros e bestas vítimas de ataques de lobo que responda á realidade e non precise da presenza e identificación de restos, e estender esta medida tamén á gandería de vacún en extensivo. Así mesmo, e ademais de medidas de apoio e estratexias de mercado para a comercialización da carne, recóllese a creación dun comité de expertos para establecer medidas muladares puntuais en áreas especialmente conflitivas para a cohabitación de gando e lobo.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG