Mini Rivas: “A Valedora do Pobo é o exemplo do vello e rancio caciquismo que encarna o PP”

O BNG culpa ao PP do descrédito da Valeduría do Pobo por manter a Milagros Otero Parga a pesar da sentenza de enchufismo do TSXG

O BNG responsabiliza ao PP de afondar no descrédito da Valeduría do Pobo ao apoiar cos seus votos na Cámara a Milagros Otero, pese a sentenza por enchufismo do TSXG a favor da irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga, rexeitando a petición de cese da titular da institución presentada por todos os grupos da oposición.

Na súa intervención en defensa do cese, o deputado Xosé Luís Rivas deixou claro que este “é un exemplo do vello e rancio sistema caciquil que encarna e abandeira o PP” especialista en tomar as institucións saltándose os principios básicos de igualdade, capacidade e mérito, como tamén se acaba de ver na sentenza igual de recente que anula a cobertura de 69 prazas na Deputación de Ourense, argumentou.

“Haberá quen diga que é o PP e as súas mañas, eses que o corrompen todo, eses que manteñen na pobreza ao noso país, que ralentizan un pobo creativo e dinámico, facendo arbitraria a lóxica democrática máis elemental”, salienta Rivas, e ante isto, ironizou, “habería que recorrer á Valedoría do Pobo” agora envolta pola sospeita dun comportamento “arbitrario e de abuso de poder”.

Rivas lembrou que o BNG xa puxera en cuestión a elección de Milagros Otero nun pleno no que PP e PSOE decidiron repartirse os postos tanto na Valeduría do Pobo, como na CRTVG e no Consello de Contas, e o tempo terminou por confirmar que non era a persoa acaída para o cargo.

“Da imparcialidade e transparencia da señora Otero souberon A Mesa coas súas queixas, os colectivos da Sanidade Pública, os da Hepatite C, entre outros, en cuxos conflitos sempre se puxo do lado do Goberno”, salientou. “Agora o mal está feito, o descrédito está servido, a sentenza é pública e temos a obriga de salvar a institución da Valedoría do Pobo dese descrédito no que caeu pola utilización antidemocrática e partidista”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG