Imprimir

Mini Rivas pide á Xunta un plan de apoio ao cultivo de mazás autóctonas de cara a súa comercialización

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 07 de setembro de 2018

Mini Rivas
Mini Rivas

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou á Xunta que deseñe e dote de orzamento un plan experimental de cultivo en diversas áreas xeográficas de variedades de mazás autóctonas para ver a viabilidade no seu cultivo e a súa introdución no mercado con márchamo de calidade e singularidade.

Rivas criticou “o abandono da fruticultura como actividade agraria en Galiza pese a que conta cunha vasta variedade de microclimas e solos propicios para o desenvolvemento desta actividade, xeradora de economía e con posibilidades de asentamento de poboación chamando por xente  moza”, alegou no debate da súa iniciativa en comisión.

De feito, explicou, existe en Guísamo, na antiga sede do centro de formación e experimentación agroforestal,  unha colección de preto de medio cento de variedades autóctonas galegas, recollidas e seleccionadas nos anos 60, de mazás de sidra e de mesa “que están á espera de que alguén con bo criterio se lembre da súa existencia e da renomeada sona que antano tiñan entre a poboación de dentro e de fora de Galiza”.

Lembrou o deputado que durante o Goberno bipartito houbo proxectos para a reintroducir dalgunhas destas variedades que contan con tódolos elementos necesarios para unha boa acollida como a presentación, aroma e sabores, “para seren introducidas nun mercado cada vez máis esixente”.

Rivas argumentou que estas variedades autóctonas de calidade deberían desprazar ao produto que agora chega ao mercado “copado polas grandes cadeas de distribución que moven produtos desde os máis recónditos lugares xeográficos do planeta, con alimentos producidos a prezos irrisorios por poboacións que viven en condicións de explotación e de paupérrimas condicións alimentarias, sanitarias e de xustiza social”.

Fronte a este modelo, o Bloque propón unha produción agraria de proximidade, que xere emprego digno e valor engadido, que vele pola garantía e a calidade alimentaria e que axude a fixar poboación no rural e a atraer xente moza con oportunidades de traballo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/mini-rivas-pide-xunta-plan-apoio-ao-cultivo-mazas-autoctonas-cara-sua-comercializacion/20180907172700022754.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr