Mini pide á Xunta un plan estratéxico propio para defender Galiza na negociación da PAC

Mini
Mini

Propón que a Política agraria común se adapte ás necesidades do sector agrogandeiro galego: “Non fagan concesións e defendan condicións vantaxosas para o noso rural”, demandou

Nun contexto no que a Unión Europea está a negociar a Política agraria común (PAC) para o período 2021-2027, o portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou á Xunta que rectifique e elabore un plan estratéxico específico para defender os intereses do sector agrogandeiro galego.

“Toca negociar cun plan estratéxico propio que reflicta a realidade e as necesidades deste país, que non faga concesións, que defenda condicións vantaxosas para o noso rural”, reclamou Rivas na interpelación ao conselleiro de Agricultura, José González, advertindo contra a liberalización do sector que se prepara, “porque se chegase, e créame que nesas andan, e non temos feito o desenvolvemento necesario para o noso sector, será tarde”.

“Se non aproveitamos os recursos ben orientados da PAC neste próximo período, principalmente os do 2º piar, a nosa agricultura entraría nunha regresión mortal sen posibilidades de recuperar a súa competitividade”, alertou. Ademais da urxencia de contar cun plan específico para defender os intereses de Galiza en Bruxelas, o Bloque aposta por reforzar as axudas á produción.

“Hai que loitar para que o segundo piar estea dotado con recursos coma até agora e sexa utilizalo con sentidiño, orientado a fortalecer as explotacións existentes, a facilitar a supervivencia e aparición de novas explotacións familiares dotadas de base territorial, sostibles, lóxicas co país e diversificar a actividade agraria”, demandou Rivas, tras denunciar que en Galiza, a PAC fracasou nos seus obxectivos “porque non lograron aproveitar as potencialidades endóxenas do noso modelo de produción agrícola”.

O Bloque acusou á Xunta de abandonar a defenda do sector agrogandeiro galego “mesmo antes de entrar en liza, asumindo unha posición de Estado que non lles corresponde. Esquecendo as súas obrigas cos galegos e galegas, coas súas vidas, co seu futuro, xa optaron polo Plan estratéxico do Estado e renunciaron a un Plan estratéxico galego”, posición que non sorprendeu ao deputado nacionalista. “Non nos estraña porque vostedes non creen neste país e saiban que este abandono do campo galego ben podería considerarse unha traizón”.

Rivas pediu ao conselleiro de Agricultura que aposte polas explotacións familiares ben dimensionadas en lugar de polas macroexplotacións, que defenda un plan estratéxico para Galiza dentro do plan marco do Estado, que recupere as oficinas comarcais para desenvolver os programas de asesoramento e suprimir a facilidade coa que terreos de cultivo poden ser clasificados como forestais.

Para Rivas, os recursos e as intervencións previstas a través da PAC “deben planificarse dunha maneira próxima á realidade de cada zona atendendo á vocación agrogandeira, á realidade social, o reparto e tamaño da propiedade e a súa tipicidade, poboación e uso”.

“De someter a nosa realidade aos acordos dun Plan estratéxico estatal estamos perdidos porque se non se entenden debidamente estas realidades e se orientan os obxectivos de favorecer unha economía rural competitiva e xusta, que asente poboación e incorpore xente moza, a nova PAC pode sumir Galicia nunha maior regresión que a converta nun inmenso deserto de eucalipto e piñeiro”, denunciou. “Nin a PAC nin as súas políticas lograron revitalizar o rural”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG