Parlamento Galego

Mini pide protección para o pedregal de Irimia ante á praga de eucaliptos

da8c73DSC_9849
Pedregal de Irimia
  • O nacionalista lembra que no Pedregal de Irimia, (Serra de Meira, Lugo) nace unha das principais fontes do río Miño

O deputado do BNG, Xosé Luis Rivas formulou hoxe unha pregunta sobre as previsión do Goberno ante a plantación de eucaliptos que están a poñer en grave risco o Pedregal de Irimia, situado nas estribacións da Serra de Meira e unhas das fontes principais do nacemento do río Miño.

Para o parlamentario,  existe grande alarma ante a  desprotección do enclave de “interese xeolóxico, cultural e simbólico” polo que preguntou se o Goberno galego contempla medidas de protección medioambiental e paisaxística ao acuífero e o entorno do nacemento do río Miño. Asemade, engadiu, a auga nace de diversos acuíferos repartidos ao longo da Serra que se xuntan nunha fonte no alto do Pedregal.

O deputado do BNG destacou a orixinalidade de valor xeolóxico por ser un lugar de transición e con  características únicas na nosa xeografía. E simbólico, dixo, porque “se o Miño é o Pai de Galicia, ben está que preservémo-lo seu nacemento de calquera agresión conservando a súa orixinalidade para goce  e estudo de escolares e cidadáns en xeral”.

Nos últimos tempos, polo menos catro ou cinco decenios, explicou o nacionalista, “esta paraxe era un monte pelado nos seus arredores, con acceso para coches e un xeito de área recreativa na marxe esquerda que lle daba e dá valor natural”,Pero nos últimos  oito ou dez anos fixéronse plantacións de eucaliptos en vastas extensións da marxe dereita que ameazan os acuíferos e a natural e propia flora e fauna da zona, provocando un dano irreparable e tamén na paisaxe.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato afirmou que tanto o goberno. como a consellería teñen o firme compromiso da “protección, conservación e posta en valor dese rico patrimonio”. En Galiza, explicou Mato, temos unha rede galega de espazos protexidos e  nos presupostos do 2017 haberá un incremento dun 5,3% para reforzar os investimentos en parques naturais e medidas sustentables, ademais,  ampliaremos a Rede Natura e mesmo elaboraremos unha nova lei de Patrimonio natural que regulará as diferentes formas de protección.

Na replica, o deputado do BNG reiterou que o Pedregal de Irimia precisa dun compromiso real para a súa protección porque un carballo de crecemento lento saca uns 400 litros de auga do chan todos os días pero o eucalipto saca “tres ou catro veces máis” e a paraxe da que falamos, recalcou, “está rodeada de eucaliptos de a penas un metro”. Nós non lle pedimos que gaste cartos, só pedimos que non interveñan, que a deixen como está e poden botar man da lei de Conservación da Natureza que establece a figura de “monumento natural” como “obxecto de protección especial.

Como sabemos o que as veces se fai coa Rede Natura, volvo a pedirlle que se protexa a marxe dereita porque a esquerda xa está protexida. O deputado do BNG rematou a súa intervención convidando á conselleira a visitar o lugar, e verán, dixo, “como é necesario protexelo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG