Mini demanda a Medio Rural medidas para evitar a contaminación por xurros nas explotacións intensivas

Mini Rivas
Mini Rivas

Salienta que é un problema que afecta especialmente ás comarcas de importante actividade agrogandeiras como O Deza ou A Limia

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, demandou da Consellería de Medio Rural a adopción de medidas para solucionar o problema medio ambiental derivado da acumulación de puríns, en particular en comarcas de alta intensidade agrogandeira e onde hai unha alta concentración de explotacións intensivas.

“No sector leiteiro é preocupante nalgunhas zonas pero nos sectores avícola e porcino intensivos é dramático”, salientou Rivas na comisión de Agricultura, quen alertou que “a situación medioambiental en determinadas zonas, provocada por un modelo intensivo de granxas de animais, vólvese nalgúns casos insostible”, como advirten as analíticas de augas e de solos que amosan saturación de nitratos, de fosfatos, de metais pesados e mesmo de antibióticos.

“Nalgunhas zonas a presión é tal que a comarca non é quen de asimilar tanto residuo gandeiro xerando un problema de saúde pública e de política medioambiental”, recalcou o parlamentario bo coñecedor do medio rural.

Aínda que a xestión dos residuos que xeran as explotacións agrogandeiras intensivas pode estar ligada a terra, -como permite a normativa da Unión Europea-, o certo e que é preciso “un control e seguimento do estado das terras e das augas nestas comarcas con saturación de explotacións deste tipo”, algo que a día de hoxe non está garantido.

“A Limia e O Deza, sen seren as únicas, presentan un grave problema de xestión de xurros e faise preciso dar unha solución adecuada e satisfactoria cos sectores afectados, evitando que esta situación dane gravemente outros sectores agrogandeiros que coexisten con estes. Ignorar o problema non fai máis que agravalo”, recalcou Rivas na súa comparecencia en comisión.

Desde a consellería limitáronse a alegar que a contaminación por puríns e zurros e común a moitos outros países agrogandeiros na UE e amosouse máis preocupada por non xerar alarma que por solucionar o problema.

“Prudencia si, pero as cousas hai que facelas ben e debe haber un sitio para botar os puríns nas explotacións. Non hai mellor analítica que coller o coche e darse unha volta polo campo, e ignorar esa situacións é facerlle un mal servizo aos sectores”, salientou Rivas. “O problema está aí e haberá que poñerlle remedio, e se somos sensatos tamén hai que repensar o modelo porque estamos indo a cárceres de animais na maneira de producir”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG