Mini critica á Xunta pola irresponsábel deixación de funcións nas faixas de protección contra os lumes

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, criticou a irresponsabilidade da Xunta nunha cuestión de tanta transcendencia como a execución das franxas de protección contra os lumes “nun exercicio de abandono das obrigas propias dun Goberno que se prece, que non é o caso do que preside o señor Feixóo”.

Tras revisar á baixa a normativa sobre as franxas de protección, Rivas denuncia que o Goberno do PP nada fixo para que fosen efectivas salvo botar a responsabilidade nas costas dos concellos e ameazar con multas aos propietarios. “Tiran balóns fóra. Cren que pasando a responsabilidade a propietarios e concellos xa teñen solucionado”, interpelou o deputado na comisión de Agricultura.

Cun monte abandonado e convertido nun polvorín e cun rural cada vez máis despoboado, a actitude da Xunta amosa unha irresponsabilidade temeraria no principal problema ambiental do país, que mesmo afecta á seguridade das persoas, como demostran as recentes e tráxicas vagas de lumes.

“Este é un país con características singulares que necesita un tratamento desde aquí. A supresión das UXFOR, a falta de ordenación do territorio, as franxas de seguridade modificadas á baixa temerariamente. Que foi dos Plans municipais de prevención de incendios nunca esixidos pola administración autonómica?”, denunciou Rivas.

O portavoz nacionalista de Agricultura tamén puxo sobre a mesa o contraste entre as esixencias a particulares e municipios mentres os responsables das grandes infraestruturas do país non compren coas franxas de protección. “A esixencia céntrase sobre concellos e  propietarios, pero que pasa  coas franxas nas liñas do FEVE e do ADIF, están en condicións? E as estradas, autoestradas, autovías? De quen é responsabilidade?”, preguntaba o deputado do Bloque.

O BNG tamén denuncia que a Xunta non pon medios nin orzamentos nin sequera para apoiar aos concellos empeñada nunha estratexia de responsabilizados do cumprimento desta normativa: “Estamos a falar de case 150.000has e as previsións falan dunha xestión inicial de non máis de 20.000”.

Rivas aproveitou a comparecencia en comisión para denunciar que o desbloqueo do Plan Forestal por parte do Goberno e á súa aparición en público antes das conclusións da Comisión dos Lumes “é unha incoherencia e unha cesión aos intereses do lobby da madeira que vén ditando a política forestal do PP, ou mellor dito a falta de política forestal,  desde hai moitos anos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG