Imprimir

Mini afirma que o BNG no goberno devolverá o pulo industrial a Ordes e a súa comarca

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 24 de xuño de 2020

Acto Ordes
Acto Ordes
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas alertou das negativas consecuencias da intención da mineira Erimsa para extraer silicio na zona e a implantación non regulada dos eólicos

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas  denunciou o maltrato que o goberno galego dispensa á   localidade de Ordes e a súa comarca no sector industrial, co peche da térmica de Meirama e no téxtil coa desaparición das empresas Viriato e Deus. En relación a Meirama, Rivas cualificou de “inconcibible” que ante o peche da térmica en Cerceda “ninguén dende o goberno levantara a voz e obrigara á empresa Narturgy a presentar unha reindustrialización da zona”. O goberno galego, dixo, permaneceu impasible e limitouse  a agardar polas decisións que tomaron outros.

Rivas  afirmou que “un goberno do BNG na Xunta apostará firmemente por recuperar o papel industrial que sempre tivo Ordes”. Por outra parte, lembrou que esta localidade e a súa comarca viven baixo a ameaza  da implantación de parques eólicos “nas condicións que exixe a empresa Gernalia”, uns parques eólicos, explicou,  que reportarán grandes beneficios á concesionaria pero que non reverterán na zona como  xa acontece noutros lugares de Galiza. “Róubannos os recursos pero nós nunca hai contrapartida”, aseverou.

Na súa intervención, a nacionalista  tamén aludiu  á intención da empresa mineira Erimsa para extracción de  silicio, operación  que suporá grandes beneficios para a concesionaria e dos que a comarca non obterá máis que unha nova agresión ao seu medioambiente. Esta situación, recalcou Rivas ten que ser reordenada e un goberno do BNG “dará o pulo industrial  que merece Ordes e  a súa comarca” porque  conta cun gran potencial en recursos naturais e gandeiría. Esta comarca, reiterou o nacionalista, “ten dereito a explotar os seus recursos industriais e que a súa sociedade urbana e rural poida beneficiarse”.

Acto OrdesO 12 de xullo Galiza pode facer historia cunha muller liderando o goberno

No acto celebrado en Ordes, a candidata pola Coruña, Rosana Pérez destacou a  necesidade de que  Galiza  “con soberanía e capacidade de decisión” porque as consecuencias  de termos un goberno galego ao servizo de Madrid, afirmou significa “non ter unha  tarifa eléctrica galega  para que Alcoa e outras industrias continúen sendo competitivas, significa a destrución de emprego en empresas como a térmica de Meirama, ou as téxtiles de Ordes “Deus” e “Viriato”, vítimas da  incapacidade manifesta  de Feixóo e a súa  falta  de alternativas”.

 A candidata do BNG, asegurou que Feixóo  sempre “mira para outro lado e culpabiliza  aos demais” e dende o BNG queremos dicirlle que nós temos as alternativas das que el carece. A Covid-19 puxo de manifesto a “desfeita de Feixóo” dos servizos públicos e a entrega que fixo ás empresa privadas. A situación  económica e social  na que estamos despois da crise da Covid-19 “non a poden pagar os de sempre” e  para iso é preciso “derogar de inmediato as reformas laborais e crear emprego de calidade”.

Rosana Pérez  afirmou con rotundidade  que o BNG conta “cun proxecto de país” porque “Galiza ten grandes  recursos, capacidade e talento” e  “un goberno liderado polo BNG” porá en marcha políticas para desenvolver todos os recursos nos  nosos sectores produtivos, na nosa industria, no sector téxtil e a defensa dos servizos públicos. O 12 de xullo, remarcou a candidata, “podemos facer historia poñendo á primeira muller nacionalista  ao fronte do goberno galego, a portavoz nacional do BNG e candidata a Presidencia da Xunta,  Ana Pontón.”

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/mini-afirma-bng-goberno-devolvera-pulo-industrial-ordes-sua-comarca/20200624174106027450.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr