Parlamento Galego

Mini acusa á Consellería de Medio Rural de desentenderse do centro de investigación CIAM pese a importancia para o sector

Mini Rivas
Mini Rivas (arquivo)

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, acusa á Consellería de Medio Rural de desentenderse do centro de investigación CIAM pese a que a innovación e o coñecemento son imprescindibles para darlle competitividade e sustentabilidade ao sector agro-gandeiro galego.

Rivas tamén fixo referencia ao AGACAL que, tras ver a luz oito anos despois do prazo indicado pola Lei 16/2010, aínda está á espera de que se desenvolvan algúns dos aspectos máis relevantes previstos na lei para esta entidade, como a aprobación, por parte do seu consello reitor, dunha proposta plurianual de xestión da axencia.

“Suponse que este contrato debe conter unha serie de medidas de xestión así como previsións de futuro en materia de funcionamento da axencia que anticipe a senda estratéxica a levar a cabo, pero preguntámonos se ese plan foi redactado e cal é o seu contido a respecto das liñas estratéxicas de investigación encomendadas ao CIAM e, por extensión, aos restantes centros de investigación da consellaría do Medio Rural”, interpelou Rivas na comisión parlamentaria de Agricultura.

Salientou o parlamentario que a investigación que se realiza no CIAM non é cuberta polo sector privado, de forma que a desaparición da capacidade operativa deste centro non será substituída por nada.

“Quen se encarga de estudar, por exemplo, as características diferenciais das nosas producións; da calidade ambiental dos nosos sistemas produtivos; quen das emisións de CO2 das explotacións gandeiras e a potencial avantaxe competitiva fronte outras zonas produtivas? Quen da mellora da calidade das forraxes ou da utilidade da riqueza xenética gardada nos bancos de sementes para enfrontar os retos ambientais do cambio climático ou a aparición de novas pragas e enfermidades”, interpelou a modo de exemplos, constatando a importancia investigadora dunha entidade que a Xunta ten abandonada.

Igualmente, o deputado nacionalista preguntou, sen obter información concreta, cales eran as previsións contidas a respecto do cadro de persoal investigador como por exemplo o número de postos e forma de provisión, así como polas previsións contidas no plan a respecto dos investimentos materiais nos edificios, laboratorios, instalacións agrogandeiras, equipamento e maquinaria dos centros e fincas experimentais anexas.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG