Galegas 2020

Luís Bará: “A xente que lle quere a Galiza e quere que haxa cambio galego ten que ir votar o 12X e concentrar o voto no BNG”

Acto Lalín
Acto Lalín

O cabeza de lista do BNG destacou en Lalín que “hai partido e non está nada decidido”

Afirmou que estas eleccións son a oportunidade histórica de poñer a unha muller nacionalista á fronte do país

“A xente que lle quere a Galiza e que quere que haxa un cambio galego na Xunta de Galiza ten que ir votar o 12X e concentrar o seu voto no BNG porque é a alternativa sólida fronte ao Partido Popular”. Así o asegurou hoxe en Lalín o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, que -acompañado da tamén candidata pola comarca Ariadna Fernández e o portavoz municipal Paco Vilariño- insistiu en que a forza nacionalista é garantía da fin das políticas da dereita e do centralismo madrileño.

Bará sinalou que o vindeiro 12 de xullo “hai partido” e non está nada decidido, xa que con que o PP perda un escano por provincia caerá a súa maioría absoluta. “Todas as enquisas sinalan que a maioría de galegos e galegas quere cambio. Mais é importante ter unha cousa clara: é fundamental a mobilización da xente que está cansa, deixar atrás a abstención e o pesimismo porque é posible un tempo novo... e quedar na casa é como votar ao PP. Non se pode perder ningún voto”, subliñou.

O cabeza de cartel destacou que o BNG está nun momento de auténtica remontada e “é a garantía da fin da maioría absoluta de Feijóo”. Afirmou que o Bloque sae a gañar e que hai motivos para estar “confiados e animados”, xa que se percibe unha grande corrente de apoio: “Somos a opción e referencia de futuro para este país, porque temos proxecto de futuro, solvente, serio, con solvencia e capacidade demostrada, e a mellor líder en Ana Pontón, a mellor valorada pola xente moza, pola xente do BNG, e incluso polos outros partidos competidores”, subliñou.

Estas eleccións, dixo Bará, son a oportunidade de facer historia e de conseguir que Galiza teña a súa primeira presidenta, Ana Pontón, que a día de hoxe non só é a líder do BNG, “senón que é a líder de toda a maioría social plural e diversa que quere un cambio galego. Unha maioría que ve en Ana Pontón a figura que representa a esperanza dunha Galiza diferente, mellor, con futuro”.

Segundo apuntou o cabeza de cartel, Galiza merece un tempo novo que a convirta nun país vivo, xusto, forte e con futuro, que ofreza oportunidades e proxecto de vida, mediante unha reactivación económica, social e laboral a través dun gran plan de país, “dunha estratexia galega de reactivación económica e social, que será a primeira medida dun BNG que lidere o Goberno, para poñer a vida das persoas no centro das políticas”, insistiu Bará.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG