Luís Bará: “Ten algo que agochar o PP para non remitir ao Parlamento a información solicitada sobre Meirás?”

Luís Bará
Luís Bará

Acusa ao goberno de “opacidade e falta de transparencia” ante o gran número de peticións de información formuladas polos grupos parlamentares que non obteñen resposta

O deputado do BNG, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta ao goberno  sobre a demora no traslado ao Parlamento da información solicitada polo BNG sobre o pazo de Meirás, da familia propietaria e da Fundación Francisco Franco.

O parlamentario preguntou se o goberno galego “ten algo que agochar” para non remitir esta información e acusouno de “falta de transparencia e opacidade” por negarse continuamente a informar sobre os  asuntos requiridos  polos grupos parlamentares a través do artigo 9.

“Algo hai aquí que cheira a podre e non é en Dinamarca, porque é en Meirás”, afirmou. Vostedes, “non poden agochar a súa conivencia e complicidade” pero sobre todo   non ter actuado con “contundencia contra o franquismo e os seus herdeiros e herdeiras”. Bará recalcou que o Partido popular segue no papel de “testaferro político ” do franquismo.

No debate da pregunta ao goberno, o deputado  por Pontevedra, Luís Bará asegurou que a familia Franco goza de “impunidade” para facer apoloxía e converter “o pazo de Meirás nun autentico parque temático de exaltación do fascismo e da  ditadura franquista. Isto, dixo, evidencia a baixa calidade, desta suposta democracia”.

O parlamentario reiterou que o goberno incumpre a súa función e provoca que os grupos parlamentarios non podan desenvolver con normalidade a súa función de control e seguimento dalgúns asuntos ante a negación de documentación como xa aconteceu o pasado 19 setembro de 2017, sobre os expedientes informativos e sancionadores tramitados pola Xunta de Galiza por incumprimento do réxime de visitas do Pazo de Meirás desde o ano 2011 así como os expedientes dos convenios asinados por este Ben de Interese Cultural (BIC) e os escritos enviados pola administración autonómica á Fundación Franco.

Bará tamén se referiu ás axudas económicas solicitadas pola Fundación Franco despois de manter durante moito tempo o Pazo de Meirás pechado ás visitas ás que estaba obrigada e  tamén, dixo, “queremos saber de que tenor foron estas axudas”.

Despois de 8 meses continuamos agardando por esta información polo que volveu a reclamala á espera de que non teñan que pasar outros 8 meses, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG