Luís Bará reclama un plan de protección e de usos para a Illa de San Simón, “que ten que ser un lugar da memoria e de respecto”

Luís Bará
Luís Bará
Pregúntase se no cemiterio de Boisaca ou no Val do Caídos se permitiría facer unha festa de hallowen como a que a Xunta autorizou neste espazo

O BNG a través do deputado Luís Bará reclamou no Parlamento un plan de protección e de usos da Illa de San Simón para evitar que un lugar con historia pero, sobre todo, “con memoria viva” acolla actividades impropias que mesmo supoñan unha afronta ao significado deste espazo tan singular e de tanto simbolismo.

Bará facía esta solicitude ante a falta de iniciativa da Xunta con este espazo tomando como exemplo do desleixo do Goberno de Feixóo a autorización dunha festa de samaín organizada por unha empresa privada que, denunciou, atentaba contra o significado do lugar e fería a sensibilidade e a memoria das máis de 6.000 persoas que foron encarcerados, torturadas e asasinadas nesta illa.

O parlamentario do Bloque lembrou que se trata dun BIC e que, como tal, o  Goberno ten a obriga de velar polo cumprimento da normativa que determina que os bens de interese cultural deben ter un plan de protección e de usos. Durante o bipartito, lembrou,  San Simón foi declarada illa da Memoria, “sempre dándolle un protagonismo a esa motivación da memoria aínda que tamén tivese usos educativos e culturais”.

Pero en 2009, “o Goberno do PP por razóns de devastación das políticas da memoria historia demoleu esas políticas publicas coherente e despois inventou a illa do pensamento, un fiasco que non funcionou, e o único que fixeron foi convertela na illa do esquecemento”, criticou Bará, tras lembrar que o único acto de recoñecemento das vítimas que se celebra cada ano neste espazo está organizado polos colectivos de Memoria histórica sen participación algunha da Xunta.

“En 2013 desmantelan a Fundación Illa San Simón e deixan a xestión en mans privadas e empezan a ser utilizada con criterios de frivolidade e falta de sensibilidade como demostra a celebración dunha festa de hallowen facendo solfa do terror que alí se viviu. Un acto que foi unha auténtica frivolidade, mesmo recoñecida pola empresa organizadora, pero que a Xunta defendeu”, denunciou Bará.

“A alguén se lle ocorrería facer unha festa de hallowen no cemiterio de Boisaca ou no Val dos Caídos?”, interpelou o deputado nacionalista, tras pedirlle ao Goberno de Feixóo “valentía para pedir perdón e recoñecer os erros”.

O Executivo do PP “non ten criterio, nin plan de usos deste espazo singular. Fagan un plan consensuado, negociado, dialogado cos concellos, colectivos sociais e culturais e cos colectivos da memoria. Hai moita xente que ten aínda moita dor no seu corazón e non vai permitir eses usos frívolos, ofensivos e que profanan un lugar da memoria”, argumentou.

A Illa de San Simón “ten que ser un lugar de respecto e non se poden permitir alí actividades ofensivas, non pode haber acontecementos nos que se poñan barras con bebidas, por citar un exemplo. É un BIC e necesita un plan especial de protección e de usos”, reiterou.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG