Luís Bará pide á Xunta que retire o plan de transporte e negocie unha proposta cos sectores implicados

Luís Bará
Luís Bará na tribuna da Cámara galega

“Confiamos en que Galiza non volva perder o tren e se sume no 2018 ao corredor atlántico de mercadorías”, dixo tras a proposta unánime do Parlamento

Conexións ferroviarias en Vigo, Ourense e Monforte, prioritarias neste acordo da Cámara

O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, volveu reclamar á Xunta a retirada do polémico plan de transportes “que está causando un rexeitamento case unánime entre todos os sectores afectados e que xa ten provocado grandes prexuízos á cidadanía, deixando a milleiros de escolares sen poder acudir ao seu centro educativo e a miles de persoas varadas nas estacións de autobuses por todo o país”, alegou.

“Ten que retirar este plan de transporte e negociar unha proposta con todos os axentes implicados, desde as pequenas e medianas empresas galegas do sector, pasando pola representación laboral, polos concellos e por outros colectivos que tamén teñen moito que dicir neste asunto como por exemplo as AMPAS”, explicou Bará tras lembrar as iniciativas parlamentarias presentadas polo Bloque nesta dirección.

O deputado nacionalista valorou a aprobación unánime por parte da Cámara dunha proposta do BNG e outras forzas políticas, finalmente transacionada, pola que a Xunta se compromete a reclamar ao Goberno central a inclusión de Galiza no chamado corredor atlántico de mercadorías, na revisión que a UE ten previsto facer en 2018 do regulamento do mecanismo Conectar Europa.

“Unha vez que Galiza quedou excluída en 2012, confiamos en que agora o noso país non volva perder o tren e poda sumarse por fin ao corredor atlántico, formando parte da rede de mercadorías por ferrocarril que conecte a fachada atlántica do norte do Estado co resto de Europa”, salientou. “Estaremos vixiantes para que isto que hoxe aprobamos por unanimidade se cumpra por parte do Goberno do Estado”, recalcou.

As conexións por ferrocarril con Vigo, Ourense e Monforte, tamén foron parte prioritaria neste acordo do Parlamento.

 

Texto íntegro da proposición non de lei transacionada aprobada pola Cámara:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:

  1. Que realice as xestións oportunas ante a Unión Europea para que, na revisión do Regulamento do mecanismo “Conectar Europa” que se realizará no ano 2018, Galicia, as Comunidades do norte de España e a Rexión Norte de Portugal queden conectadas ao Corredor Atlántico, configurando unha verdadeira rede de mercadorías por ferrocarril que desde a fachada atlántica da península comunique co resto de Europa.
  2. A mellora e modernización da rede ferroviaria interna mediante a conexión cos portos e a electrificación das vías que carecen desta innovación, co obxecto de facer máis competitivo o transporte de mercadorías por ferrocarril.
  3. A potenciación do uso do ferrocarril para o transporte de mercadorías ao longo do eixo atlántico entre Ferrol e Lisboa. Para avanzar neste obxectivo, no horizonte do ano 2020, promoverase a mellora da liña entre Ferrol e Coruña e da construción da saída sur de Vigo cara ao Miño e a fronteira portuguesa.
  4. O impulso das melloras precisas nas infraestruturas ferroviarias para poder contar cunha liña competitiva para as mercadorías pola cornixa cantábrica, mellorando a conexión de Galicia co litoral cantábrico, conectando co corredor europeo.
  5. Consignar nos orzamentos do estado para 2018, as partidas necesarias para avanzar nas conexións recollidas nos plans estatais de infraestruturas de transporte:
    a)     Liña ferroviaria “Vigo – Ourense – Monforte de Lemos – Ponferrada –Venta de Baños”.
    b)    Saída sur ferroviaria de Vigo, de cara a completar o Eixo “Ferrol – A Coruña – Vigo – Porto”.
    c)    Conexión ferroviaria do Porto de Vigo coa Plataforma Loxística Salvaterra – As Neves (PLISAN).
    d)    Mellora operativa do Porto Seco de Monforte.”
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG