O deputado d BNG por Pontevedra, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición para instar á Xunta a implantar medidas que melloren o abastecemento de auga á cidade de Vigo e iniciar a modernización da planta potabilizadora do Casal.
Na defensa da iniciativa, Bará pediu á Xunta e ao grupo de goberno municipal de Vigo que “abandonen a confrontación política” e resolvan dunha vez os problemas de auga que afectan a cerca de 300 mil habitantes da cidade olívica.
O parlamentario propuxo medidas de “redución” no uso da auga entre as que destacou: “A xestión da contorna dos cursos da auga, coidado da vexetación e forestación das zonas na conca do Oitavén, zona hidrográfica Galiza Sur, e Serra do Suído, un plan de racionalización e sustentable da auga con aforro e redución de consumo evitando que se baldeen as rúas ou reguen as zonas verdes con augas depuradas”. Por outro lado, considerou que as persoas usarías non poden pagar o mesmo si consumen cinco metros cúbicos ou quince polo que reclamou reabrir o “Pacto local da auga”, conxelado dende hai cinco anos.
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Teresa Egerique responsabilizou ao goberno municipal vigués dos problemas relacionados coa calidade da auga. O parlamentario do BNG respondeu á portavoz popular que a responsabilidade corresponde á Xunta e concello de Vigo. “O concello debe mellorar a rede de distribución da auga pero a Xunta é responsable dunha planta potabilizadora nunhas condición que non a fai apta para abastecemento da auga”. A planta, reiterou está “obsoleta” e non pode garantir a calidade da auga co risco que isto supón para a poboación, advertiu.
O deputado do BNG lamentou o voto en contra do Partido popular que impediu que a iniciativa nacionalista prosperara e acusou á Xunta de non cumprir o acordo asinado co Estado no ano 2012 para mellorar a planta do Casal cun investimento de vinte millóns de euros. Vostedes, dixo, utilizan a auga de Vigo como “unha guerra partidista” e tanto a Xunta como o goberno do concello de Vigo teñen intereses nesta “confrontación”.
Finalmente, Bará tamén lembrou que o Plan Hidrolóxico de Galiza prevé uns investimento, ata o ano 2020, de 300 millóns de euros de fondos europeos para actuacións como “a mellora do abastecemento do sistema de Eiras-Vigo con 27 millóns de euros” polo que preguntou que pensa facer a Xunta con esta cantidade e cal vai ser o seu destino.