Galegas 2020

Luís Bará insta á Xunta a habilitar “todas as axudas e apoios posibles” para garantir a viabilidade e o futuro do sector do mar en Galiza

Encontro Cofraría
Encontro Cofraría

O candidato do BNG para o 12X pide ampliar as axudas directas ás confrarías polas perdas de ingresos nas lonxas e o impacto nos postos de traballo

Reclama unha campaña forte de promoción dos produtos galegos, a compra para comedores de centros públicos, a regularización dos prezos en orixe para evitar abusos, así como a trazabilidade

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que “é o momento de apoiar sen tatexos ao sector do mar en Galiza”. O nacionalista reclamou da Xunta de Galicia e Goberno central “todas as axudas e todos os apoios posibles para garantir a súa viabilidade e o seu futuro” pensando nun escenario de progresiva recuperación da actividade económica logo da crise da COVID-19. Argumentou que se trata dun sector “absolutamente fundamental, estratéxico,e que crea moitos postos de traballo en toda Galiza, máis de 6.600 no marisqueo”.

Bará, acompañado da concelleira de Poio Marga Caldas, realizou estas declaracións logo dun encontro con representanes das tres confrarías do fondo da ría de Pontevedra (Pontevedra, Lourizán e Raxó) para coñecer o impacto da crise da COVID-19 na súa actividade. Nun primeiro momento, hai que lembrar, foi declarada esencial por parte do Ministerio, pero despois grazas á presión de mariscadoras e mariscadores e á presión política –na que participou o BNG grazas a Néstor Rego-, foi recoñecida a posibilidade de cese de actividade, polo que mariscadores e mariscadoras puideron acollerse ás axudas para as persoas autónomas que foron tramitadas polas propias confrarías.

Bará considerou positivo o cambio de criterio, mais sinalou que o BNG defende que esas axudas tamén se teñen que habilitar para as propias confrarías polas perdas de ingresos nas lonxas e o impacto que ten nos postos de traballo, xa que agora están afectados por ERTES, pero a actividade está diminuída. Representantes das agrupacións indicaron que prevén retomar a actividade a partir da próxima semana acolléndose á posibilidade do 25% de ingresos, co problema da baixada dos prezas e da demanda pola paralización da actividade hosteleira.

Ante esta situación, Bará reclamou unha campaña moi forte por parte da Xunta de Galicia “para promocionar os produtos galegos de calidade, do mar, de quilómetro cero, e fomentar o seu consumo entre a cidadanía xeral”. Tamén apostou porque tamén se adquiran estes produtos para o subministro de comedores, residencias, hospitais públicos co fin de que teñan unha canle de saída.

Outra das reclamacións que o nacionalista considera importante nestes momentos de crise é a regularización dos prezos en orixe para evitar os abusos que se producen e as grandes diferenzas que hai entre orixe e os prezos finais en todos os produtos do mar. Así mesmo, fixo súa a petición do sector de poñer en marcha unha etiquetaxe da trazabilidade dos produtos galegos do mar, “xa que son produtos con bo cartel, boa imaxe e boa calidade”. “Esa trazabilidade utilízase coa marca ‘PescadeRías’ para a orixe do produto, pero non na venda final nos mercados ou supermercados onde non se etiqueta como produto de orixe galega”, destacou.

Bará lembrou ás e ós representantes das agrupacións do fondo da ría de Pontevedra a continua implicación do BNG co sector do mar en todas as administracións nas que ten presenza, con iniciativas parlamentares tanto en Madrid como en Bruxelas. Subliñou que é necesario un cambio na política galega o vindeiro 12X que poña realmente en valor o local fronte ao desleixo das políticas do goberno galego nos últimos anos. Destacou que é preciso reclamar maiores competencias para que sexa a propia Galiza a que decida sobre a xestión dos seus recursos e non “unha xestoría de Madrid” que non ten en conta os intereses do país.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG