Luís Bará exhibe unha estreleira na Cámara en protesta pola requisa deste símbolo en actos deportivos

Luís Bará coa bandeira nacionalista no Parlamento Galego
Luís Bará coa bandeira nacionalista no Parlamento Galego
  • O deputado acusou á secretaria Xeral para o Deporte de  poñer ao mesmo nivel a bandeira galega e símbolos que representan  “intolerancia,  violencia, e   xenofobia” para xustificar  as actuacións da policía nacional

O parlamentario do BNG por Pontevedra, Luís Bará exhibiu  hoxe unha “bandeira galega” na comisión 1ª en protesta pola requisa deste símbolo en eventos deportivos. “Unha bandeira galega, democrática e legal” que  está sendo prohibida en determinados estadios e mesmo con actuacións da policía nacional e os servizos de seguridade privada, afirmou. O parlamentario foi chamado a orde pola presidenta da mesa da comisión e obrigado a retirar a bandeira.

Bará explicou que a exhibición de bandeiras galegas coa estrela vermella  son  “ legais e permitidas  e   símbolo de unha ideoloxía política democrática, tamén legal” pero  nalgúns eventos deportivos estás sendo   requisadas polas forzas de orde, feito que cualificou “de moi grave.

O último evento deportivo no que foron requisadas estas bandeiras,lembrou, tivo lugar no encontro de fútbol entre os equipos do Valladolid e Lugo no mes de abril pero no mes de xaneiro no partido entre o Celta e Leganés tamén aconteceu. A requisa das bandeiras non se cingue só ao fútbol en encontros de baloncesto tamén se producen.

O parlamentario asegurou que un siareiro do Deportivo foi retido durante trinta minutos por negarse a entregar a bandeira nacionalista galega e a afección do Lugo durante un partido da liga en Vallecas tamén foi obrigada a retirar as bandeiras, “unha requisa” que deu lugar a un comunicado das peñas de Lugo denunciando a “censura, represión e ataque de dereitos fundamentais”.

Para o deputado, a requisa das bandeiras representa un “ atentado contra a liberdade ideolóxica, conculca dereitos democráticos e supón a censura e represión de ideas políticas”. Esta actitude represiva, dixo, contrasta coa “permisividade” de exhibicións,  de símbolos e ideas de apoloxía do franquismo, “mesmo coa participación dalgún ex-ministro”. Por outra parte, despois de  solicitar a información que explique  a requisa de bandeiras galegas  “a Dirección Xeral de Policía denega esta información amparándose  no artigo 14 da lei de Transparencia”, a transparencia para amparar o escurantismo, ironizou o deputado.

A secretaria xeral para o deporte  respondeu ao nacionalista que as bandeiras no deporte son “as dos equipos que están no terreo de xogo,  e os símbolos políticos non teñen cabida nestes espazos”. As actuacións en materia deportiva “están reguladas” pola Comisión estatal, delegacións de goberno, secretaría de Estado e propio Ministerio de Interior.

Bará acusou a secretaria xeral de situarse “fora da lei e do respecto dos dereitos democráticos” pola súa exhibición de “sectarismo e intolerancia”. Dicir que os símbolos políticos non teñen cabida nun estadio, recalcou Bará,  “é grave”, son símbolos, “legais e democráticos” e dentro da liberdade de expresión temos o dereito de poder exhibilos en calquera lugar e sen limitación á liberdade de pensamento. Pero o máis grave, engadiu  o deputado, é poñer ao mesmo nivel a bandeira galega con símbolos que representan a “intolerancia, a violencia, e a  xenofobia”. Resulta perverso facer esta asociación porque xustifica as actuacións da policía nacional.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG