Imprimir

Luís Bará comprométese a integrar o Baixo Miño no transporte metropolitano de Vigo para que a veciñanza dispoña de máis frecuencias e mellores prezos

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 29 de xuño de 2020

Baixo Miño
Baixo Miño

O cabeza de lista afirma que o BNG desenvolverá dende a Xunta tras o 12X un Plan de Mobilidade Sustentable consensuado cos concellos para integrar todas as formas de transporte

Subliña que é un “agravio” que unha persoa moza de A Guarda teña que pagar 12 euros por ir a Vigo e unha de A Cañiza ou Baiona o faga gratis

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, comprometeuse hoxe a integrar a comarca do Baixo Miño no transporte metropolitano de Vigo para que a súa veciñanza se beneficie de maiores frecuencias e prezos máis baixos. O nacionalista realizou esta proposta nun acto hoxe en Tomiño xunto ao tamén candidato da comarca Xose Manuel Méndez, ás alcaldesas de Tomiño e O Rosal, Sandra González e Ánxela Fernández, o portavoz municipal de A Guarda Anxo Baz, o concelleiro en Tui Xosé Martínez Tato, e a membro do consello local de Oia Marisa Guerra. Destacou que é preciso rematar co agravio que supón o actual plan da Xunta de Galiza para a veciñanza da zona, que a diferencia da doutros concellos do Condado ou o Val Miñor, ten que pagar elevados prezos polo seu desprazamento á area de referencia sanitaria e universitaria.

Bará anunciou, así mesmo, que o BNG desenvolverá un Plan de Mobilidade Sustentable consensuado cos concellos e mancomunidades comarcais en toda Galiza que integre todas as formas de transporte tanto por estrada, ferrocarril -fundamental na comarca do Baixo Miño-, de ría, e tamén o fomento da mobilidade natural peonil e ciclista en áreas urbanas e periurbanas. Sinalou que no caso do transporte por estrada é necesario desenvolvelo en tres niveis: local-comarcal con transporte a demanda, metropolitano e interurbano para comunicar as principais vilas do país.

Na xuntanza coas alcaldías e grupos do BNG na comarca do Baixo Miño o cabeza de lista analizou a situación do Plan de Transporte da Xunta de Galiza e comprobou que hai unha discriminación evidente destes concellos no actual plan deseñado polo Partido Popular, a pesares de que nestes momentos para os concellos con dispersión de poboación e rurais como os municipios do Baixo Miño é imprescindible ter unha boa comunicación a través da rede viaria e tamén a través das redes de telecomunicacións.

Baixo MiñoBará destacou que, no transporte metropolitano, é fundamental a conexión dos concellos miñotos con Vigo como cabeceira e tamén núcleo onde están o hospital de referencia ou a universidade. Avogou por facer un plan integral de transporte, sustentable, eficiente, e seguro integrando tamén o transporte ferroviario, porque a comarca ten moi preto as estacións da liña de Vigo-Porto, que debería ser un eixo fundamental de conexión e comunicación co exterior. “Por iso nós apostamos pola promoción e potenciación da liña Vigo-Porto coa saída sur e coa ampliación e mellora das frecuencias”, afirmou.

“Non se pode explicar de ningunha maneira que o PP exclúa a esta comarca do Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo de maneira que unha persoa de 20 anos estudante teña que pagar 12 euros para trasladarase desde A Guarda a Vigo, mentres un mozo de A Cañiza ou de Baiona vaia gratis porque teñen un transporte gratuíto. O mesmo podemos dicir de persoas maiores que teñen que recorrer ao transporte público como única solución para chegar a Vigo, ao hospital por exemplo, co que non teñen frecuencias e e non teñen un transporte extremadamente caro”, insistiu.

Bará destacou que é o momento de facer un cambio de raíz na Xunta de Galiza e nas súas políticas. Afirmou que o BNG de Ana Pontón ten un proxecto claro, serio e solvente para poñer en marcha e activar o país fronte “á parálise dos últimos once anos”, subliñando que o 12X poderase dar un resultado histórico que permita o cambio galego se todas as persoas galeguistas e que lle queren a Galiza concentran o voto no BNG: “Quedar na casa é darlle o voto ao PP. Ninguén que estea farto deste goberno pode quedar sen votar”, finalizou.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/luis-bara-comprometese-integrar-baixo-mino-transporte-metropolitano-vigo-vecinanza-dispona-mais-frecuencias-mellores-prezos/20200629144034027543.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr