Luís Bará: “Canto máis se queime máis gaña Naturgy, esa é a filosofía de SOGAMA”

Luís Bará
Luís Bará

Rexeita o modelo do PP baseado en  incinerar os residuos  e pon en valor o Plan Revitaliza  con máis composteiros na provincia de Pontevedra  que  os repartidos pola Xunta en todo o país

Tras a comparecencia da consellería de Medio Ambiente para explicar a política de xestión de residuos sólidos, o  parlamentario do BNG, Luís Bará afirmou que “canto máis se queime, máis gaña Naturgy porque esa é a filosofía de SOGAMA”,  modelo que defende o Partido popular.  

O deputado do  BNG cualificou a  intervención da conselleira de  “cosmética, decorado e escaparate” sen abordar a verdadeira realidade e  explicou que o PP, a pesar de sumarse  ao discurso   “verde, ecolóxico e sustentable” defende e fai o contrario. Ademais, tamén  defenden a economía circular pero na práctica fan unha “política depredadora” e xeradora de residuos.

O deputado  suxeriu cambiar o nome de SOGAMA por SOGAIN, Sociedade galega de incineración porque responde ao modelo exclusivo de queimar o lixo e transportalo por todo país para logo secalo e queimalo. Un exemplo perfecto, explicou, de economía circular que é a que practica o Partido popular con “Naturgy”, antes Unión Fenosa Gas Natural. Secan a materia orgánica para poder queimala aproveitando a produción de enerxía, porque son os seus socios e “canto máis se queime máis se gaña”, esa é a filosofía de SOGAMA cuns niveis de reciclase “ridículos”, un 3.3%  balance no último.

O parlamentario afirmou que SOGAMA leva producido 6 millóns de toneladas de residuos tóxicos almacenados en montañas de lixo en Cerceda, “ese é  o modelo que  defenden”  e que  non responde sequera a  xerarquía marcada pola UE. “Incumpren a lei de ámbito europeo, estatal e a súa propia”, recalcou o nacionalista. Incumpren o artigo 24 da lei de residuos e  solos contaminados que contempla  plans autonómicos con medidas para impulsar a recollida separada de residuos e o seu tratamento posterior pero vostedes,  limítanse  a repartir uns cantos contenedores de compostaxe para cubrir o expediente.

Nesta liña lembrou que o Plan Revitaliza aplicado polo goberno do BNG en Pontevedra, distribuíu   “máis composteiros na provincia  que  os repartidos pola Xunta en toda Galiza”. Vostedes, recalcou, non van a resolver o problema da compostaxe con publicidade da planta de Areosa, porque  despois dun ano inaugurada aínda non  conseguiron convencer a ningún concello para que faga alí os vertidos porque descoñecen a maneira de recollelos.

No ano 2020 os residuos domésticos, papel, vidro, plásticos deben alcanzar, como mínimo o 50% pero no borrador de residuos  non se achegan nin por aproximación polo que preguntou cando pensa a Xunta cumprir con este obxectivo.  A modificación  do artigo 24 da lei de residuos que está en tramitación obriga no 2020 a recollida separada de bioresiduos e vostedes fixan esa data para o 2023.

O deputada tamén preguntou polo modelo sobre embalaxes que non aparece no borrador porque con toda probabilidade, afirmou, teñen a intención de seguir   defendendo o gran “lobby de Ecoembes” co 60% de socios de grandes empresas como  Coca-cola, Pepsi e Bimbo e o  40% de  fabricantes de envases, Carrefour, Alcampo e Mercadona. A isto chámase “o raposo ao coidado das galiñas” e fano porque  “canto máis se produce, máis se cobra”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG