Imprimir

Luís Bará aposta aposta por un rural galego con bos servizos e equipamentos

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 01 de xuño de 2020

Visita ao campo de fútbol de Campañó
Visita ao campo de fútbol de Campañó

O candidato do BNG visitou hoxe co alcalde Fernández Lores o campo de fútbol de Campañó, finalista nos premios FAD de arquitectura

O nacionalista destaca a importancia de achegar solucións específicas para o rural de mobilidade e conectividade, e a dinamización do sector primario e de transformación

O cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, Luís Bará, apostou hoxe por estender a toda Galiza dende o Goberno galego tras as eleccións do 12X o ‘modelo BNG’ “para un rural de excelencia” con calidade de vida, bos servizos e bos equipamentos. Así o dixo hoxe nunha visita ao novo campo de fútbol de Campañó, onde estivo acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e outras compañeiras da formación.

Bará destacou na súa visita a Campañó que esa obra no rural pontevedrés “demostra que dende o BNG queremos e facemos un rural de primeira e con calidade de vida e servizos ao mesmo nivel que na zona urbana”. Subliñou que o campo de fútbol é exemplo de calidade e identidade arquitectónica e a demostración de que é posible facer boa arquitectura nas instalacións deportivas, como se leva tempo facendo en Pontevedra dende o goberno local, con outros exemplos como os de Xeve ou Cerponzóns.

“Esta obra é exemplo do que pode dar de si a confianza no talento galego nunha arquitectura innovadora, de vangarda, con identidade propia, atenta e coidadosa coa contorna e o medio ambiente. Tamén do bo resultado que dá confiar en empresas de traballo local na obra pública que serven para dinamizar a economía e crear emprego”, salientou. Lembrou, de feito, que o proxecto foi seleccionado como finalista no premio FAD de Arquitectura e Deseño, que é o máis prestixioso do Estado, “no que é un novo recoñecemento ao bo facer do goberno municipal de Pontevedra que está conseguindo a excelencia en canto a calidade vida, equipamentos e servizos tanto na cidade como no rural”, dixo, para engadir que “ese bo facer e excelencia dende o BNG queremos trasladalo ao goberno galego”.

O nacionalista destacou que o BNG aposta por un tratamento de primeira ao rural. Destacou a importancia que ten o rural para vivir e para traballar no futuro de Galiza e sinalou que BNG traballa “por un rural vivo e con futuro con equipamentos de primeira”. Citou, nomeadamente, a necesidade de servizos para ter calidade de vida e solucións específicas para a mobilidade, co transporte a demanda; conectividade á altura dos tempos que permitan ás empresas e aos fogares ser competitivos tamén dende o rural; dinamización socioeconómica a través da potenciación do sector primario e da transformación, con servizos avanzados; e o coidado do medio ambiente e a diversidade.

Hai que lembrar que o novo campo de fútbol de Campañó foi construído en virtude a un proxecto dos arquitectos pontevedreses Jose Jorge Santos, Jose Carlos Mera e Gustavo Pérez. As obras foron realizadas pola firma Elsamex e permitiron converter un antigo campo de xogo de terra nunha moderna instalación deportiva de herba sintética con edificios de servizos plenamente integrados na súa contorna. Pola súa funcionalidade e estética foi nomeado finalista dos Premios FAD, na súa categoría de arquitectura, neste ano 2020.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/luis-bara-aposta-aposta-rural-galego-bos-servizos-equipamentos/20200601171551027107.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr