A nova Lei Electoral Europea pode deixar sen representación a Esquerra, Bildu, Compromis e BNG en Europa

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez

Ana Miranda critica a reforma electoral que pretende aumentar a porcentaxe mínima de votos do 3 ao 5% e relegar a diversidade dos Pobos de Europa

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou hoxe a oposición do Bloque á reforma da Lei Electoral Europea que pretende o Consello da Unión Europea e suporía o aumento da taxa mínima para obter representación no Parlamento Europeo ao pasar do 2% actual ao 5%. “Esta reforma supón un límite inaceptable da diversidade nacional”, considerou.

Segundo a eurodeputada nacionalista, “non podemos permitir que forzas como o BNG queden sen representación por unha manobra dos partidos maioritarios para limitar a presenza de partidos nacionalistas”. Miranda lembra que é xusto a un ano das vindeiras eleccións europeas cando o Consello da Unión Europea pretender recuperar unha lei electoral de 1978 e que podería entrar en vigor nos comicios do 2019.

“O BNG sempre reclamou unha circunscrición europea propia para Galiza que garantiría que non esteamos aos caprichos do que voten os Estados segundo máis lle conveña”, afirma a deputada europea, quen insta ao novo presidente español a solicitar a retirada desta reforma, que de saír adiante deixaría fóra a algúns dos partidos que apoiaron a moción de censura.

Este cambio, que será votado na vindeira sesión plenaria do mes de xullo, afectaría especialmente ás circunscricións únicas con máis de 35 escanos, como é o caso en concreto do estado español e de Alemaña. “Contamos coa vantaxe de que para resultar aprobada precisa o respaldo da maioría absoluta do Parlamento, o cal dificulta a súa aprobación, pero indudablemente temos que estar alerta”, apunta a eurodeputada do BNG.

“O Bloque veríase tremendamente afectado con esta reforma, xa que non conseguiriamos representación na Eurocámara, é dicir, esta proposta impediría que Galiza teña presenza”, denuncia Ana Miranda, quen sinala que o mesmo acontecería con forzas políticas como Esquerra, Bildu, Compromis, Equo e outras, que concorren baixo o paraugas de coalicións electorais amplas.

A eurodeputada do Bloque promove xunto a outros parlamentares nacionalistas a oposición a esta reforma e seguirá mantendo encontros nestas semanas con representantes dos diferentes grupos parlamentares europeos co obxectivo de freala e acadar a “garantía de manter da pluralidade política, nacional e cultural na Eurocámara”.

Reparto de escanos

Esta reforma vai aparellada ao reparto parcial de escanos tras a saída de Gran Bretaña da Unión Europea. Deste xeito, co Brexit, o Parlamento Europeo pasa de ter 751 a 705 eurodeputadas e eurodeputados.

Na nova composición do Parlamento Europeo, 46 dos 73 escanos do Reino Unido pasan á reserva, mentres que 27 deles distribuiranse entre 14 Estados membros e a no caso do Estado español pasaríase de ter 54 eurodeputad@s a 59 nas vindeiras eleccións europeas de maio de 2019. Esta modificación foi aprobada hoxe na Eurocámara con 566 votos a favor, 94 en contra e 31 abstencións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG