É inmoral que a Xunta non invista en políticas de emprego nun mercado laboral marcado pola precariedade e o paro

Montse Prado
Montse Prado

A Xunta deixou de investir 1.000 millóns de euros en políticas de emprego

Demanda non favorecer a “cesión de competencias”, nova reforma do  PP para  recortar o tempo de dereito ao subsidio de desemprego aos traballadores/as galegos desempregados

A deputada do BNG, Montse Prado cualifica de “inmoral” que a Xunta deixe de investir 1.000 M€ en políticas de emprego nun mercado laboral marcado polo paro e a precariedade.

Na interpelación ao goberno  sobre as medidas que debe adoptar contra a precariedade laboral en Galiza, Prado lembrou que a situación laboral caracterízase polo “roubo de dereitos laborais e unha situación de emerxencia”. O mercado laboral segundo os datos do IGE e a EPA, explicou a nacionalista confirman 120.000 persoas ocupadas menos, e un descenso do 10% da poboación activa tras 9 anos do goberno Feixóo. Ademais, engadiu,  a poboación activa non deixa de caer especialmente entre xente moza, “o 42% entre 16 e 34 anos de idade”, 162.000 mozos e mozas ocupados menos, “un drama persoal e un drama  para o futuro de Galiza”, recalcou.

En canto a salarios, a parlamentaria do BNG asegurou que Galiza sitúase como a “cuarta comunidade pola cola con  21.082 euros ao ano,  2.074 euros menos ca media estatal” e a precariedade e temporalidade non fixo máis que aumentar, “o 92,4% dos contratos totais son temporais e   100.000 mozos e mozas que abandonaron Galiza  desde o 2009. A fenda no mercado laboral das mulleres que cobran un 23% menos respecto dos  homes e cunha taxa de actividade un 7% por debaixo da masculina e outra das eivas no haber do Partido popular”, dixo.

Para a deputada, neste contexto, a maior  “indecencia” é que desde 2009 quedaron  sen executar “1.000 millóns de euros de partidas nos orzamentos da Xunta destinadas  ao fomento de emprego, inserción laboral, empregabilidade, promoción economía social, formación profesional de desempregados. Un escándalo, por non falar dos recursos que non foron reclamados,  nin ao Estado nin a Unión Europea”, manifestou.

Prado explicou que  un estudo de ingresos salariais elaborado pola CIG constata que hai unha importante perda de poder adquisitivo e, despois de Madrid, Galiza e o territorio onde máis aumentan os ingresos da minoría que máis gana fronte aos que  perciben uns ingresos brutos ao ano de 1.800 euros “que non dan nin para comer”. Esta  a polarización salarial é especialmente relevante en Galiza polo que preguntou ao Goberno que pensa facer para “rescatar a miles de galegos e galegas” mentres deixaron de executar mil millóns de euros para xerar emprego.

Por outra parte, no pleno celebrado na Cámara galega, a parlamentaria do BNG defendeu unha proposición non de lei sobre as actuación dos goberno galego sobre as demandas a realizar ao goberno central relacionadas coas prestacións de carácter asistencial por desemprego.

Na defenda da iniciativa, Montse Prado reclamou reverter os recortes no sistema de protección por desemprego e a centralización indebida de competencias da xestión dos mesmos recuperando as prestacións e subsidios por desemprego “nos termos anteriores á reforma de 2012”.

Neste sentido, demandou manter as contías das prestacións por desemprego no 70% da media da base de cotización dos últimos 180 días durante os 6 primeiros meses e o 60% desa media no resto do período de cobro, período de cobro que non se debe limitar a 24 meses.  Recuperar o subsidio de maiores de 52 anos, restablecer o subsidio para maiores de 45 anos, eliminar  o endurecemento dos requisitos para acceder á percepción dos subsidios sobre os  integrantes da unidade de convivencia  para realizar o cómputo de ingresos e que tipo de ingresos se contabilizan.

Ademais, todas estas medidas deberían implementarse con medidas de cobertura universal, como a “renda de inserción laboral para persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica”.

O Goberno do Partido Popular, no seu afán centralizador, afirmou,  pretende unificar as axudas de carácter asistencial ,PAE, RAI, PREPARA, “un novo recorte ao sistema de protección por desemprego do PP que unifica as prestacións asistenciais integrándoas na Seguridade Social co obxectivo de reducir o tempo de percepción e a contía do subsidio”.

Con  esta nova reforma, “o PP vai recortar o tempo de dereito ao subsidio de desemprego aos traballadores/as que precisan máis protección por parte da administración, e “o  PP galego fai seguidismo de  Madrid, e  deixación das súas funcións sen importarlle que isto supoña prexudicar as galegas e galegos que non teñen ningún tipo de axuda nin prestación social” polo que demandou non favorecer a “cesión de competencias” porque prexudican gravemente aos galegos e galegas desempregados, concluíu.

A proposición non de lei do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG