A industria audivisual galega non ten apoio, a CRTVG ten que cumprir coa obriga de difundir a nosa cultura

Olalla Rodil
Olalla Rodil

A deputada do BNG, Olalla Rodil reclamou hoxe na comisión de Control  da Corporación da CRTVG unha maior presenza do audiovisual galego na programación da televisión pública.

Afirmou que a CRTVG ten “a obriga de promocionar e difundir a cultura e lingua galega” polo que reiterou a necesidade de apostar por produtos audiovisuais galegos e en lingua galega así como “fomentar o sector audiovisual do noso país”.

Na súa intervención, Rodil denunciou a retirada de programas culturais e falta de programación dirixida ao público infantil e xuvenil. “ Teñen vostedes a obriga de ser unha fiestra para dar a coñecer a creación audiovisual galega, especialmente aquela na que participa a corporación, pero   estamos a comprobar  que cada vez a programación da televisión pública reduce os produtos audiovisuais e a programación cultural”, afirmou.

Por outra parte, a nacionalista asegurou que resulta moi difícil “ou case imposible ver cinema galego na TVG” e puxo como exemplo a desaparición dos programas, “Planeta cine, Onda curta e Miraxes” no ano 2010 e na actualidade, dixo,  a información cultural practicamente redúcese a 30 minutos no  espazo Zigzag diario.

Para a deputada, o papel dos medios públicos debe ser “unha ferramenta” que garantan  o dereito de todos os galegas e galegas para  acceder á  produción cultural feita en Galiza, “ en franxas de máxima audiencia” e recalcou que a CRTVG “non está cumprindo con este obxectivo” porque  reduce a presenza do cinema galego a “unha presenza testemuñal e esporádica”.

Finalmente, a parlamentaria lembrou que as creadoras e creadores do audiovisual galego teñen “grandes dificultades para sacar adiante os seu proxectos e difundilos”. Ao seu xuízo, “os medios públicos deben impulsar e difundir esta creación”. Concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG