A implantación do salario mínimo europeo será a primeira medida pola que loitará o BNG na Eurocámara

Ana Miranda e Goretti Sanmartín
Ana Miranda e Goretti Sanmartín

Ana Miranda defende a posta en marcha do SME como forma de rematar coa situación de pobreza na que se atopan miles de persoas con traballo

Goretti Sanmartín critica a covardía do PSOE ao non reclamar en Madrid a devolución do pazo de Meirás

A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, anunciou que a implantación do impulso do salario mínimo europeo será a primeira medida que o Bloque impulsará no Parlamento Europeo na vindeira lexislatura. Avanzouno así na presentación do programa electoral para as europeas do 26 de maio, xunto a candidata á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, quen subliñou que é “absolutamente fundamental a presenza de Ana Miranda en Europa, non só para Santiago, senón para toda Galiza”.

“O obxectivo desta medida radica en que as persoas que traballan non estean en condicións de pobreza”, salientou a eurodeputada nacionalista, quen explicou que este SME está baseado no pilar europeo de dereitos sociais, aprobado pola Eurocámara nesta lexislatura. “Sabemos que existe unha gran oscilación entre os Estados Membros, pero pensamos que é fundamental instauralo para combater a situación de pobreza nas que se atopan as persoas traballadoras froito da forte precariedade laboral”, salientou. Afondando nas propostas económicas Miranda defendeu a derrogación das condicións abusivas do artigo 135 dos tratados comunitarios, co fin de acadar outro modelo de gobernanza económica.

No encontro cos medios, Ana Miranda comprometeuse a seguir defendendo “con eficacia e en clave galega” os problemas do país, pero tamén a defender “as causas da humanidade”, en referencia á defende dos dereitos das persoas refuxiadas e á apertura do procedemento de infracción contra o estado español por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria no caso do accidente do Alvia, o máis grave en Europa dos últimos 25 anos. “No primeiro día de escano, o 28 de febreiro de 2018 comprometinme a loitar por esta causa e seguirei facéndoo”, asegurou.

Defender os intereses galegos con eficacia

“Se non estiveramos no Parlamento Europeo, o xeito estaría prohibido, as axudas da PAC estarían limitadas, e o saneamento das rías estaría morto”, explicou a eurodeputada do Bloque, quen salientou que a “presenza directa” para defender os intereses galegos garante que haxa visión de país. “Temos comprobado como outros partidos votan nas comisións en virtude dos intereses de Madrid, pero nós sempre levando sempre as temáticas a Europa para defender os intereses galegos, baseándonos na situación real do país”, manifestou.

Sobre o saneamento da auga a eurodeputada nacionalista fixo referencia ás distintas xornadas de traballo celebradas, tanto en Bruxelas como en Galiza, que puxeron de manifesto a necesidade de dar unha resposta conxunta ás deficiencias que existen nas rías e ríos galegos. “Resulta imprescindible elaborar un informe global sobre o saneamento da auga en Galiza que recolla todos os datos e situacións de falta de saneamento, que habitualmente vai acompañada pola mala execución dos fondos europeos”, subliñou.

“A defensa dos sectores produtivos e as conexións de transporte seguirán sendo un dos eixos do noso traballo en Bruxelas, tal e como fixemos nesta lexislatura”, manifestou Ana Miranda, quen comentou que alí foron “mariscadoras e mariscadores da ria do Burgo, as vítimas do accidente de Angrois, colectivos dos sectores produtivos, sociais, de defensa do territorio, temas de calado como o das pensións, a pesca, a agricultura, a precariedade laboral, o medio ambiente, o cambio climático, e o saneamento”.

Loita contra o fascismo

Outro dos eixos de actuación para a vindeira lexislatura, segundo avanzou Miranda é a loita contra o franquismo e o cumprimento da resolución contra o avance do fascismo aprobada no pe o 25 de outubro, que inclúe asemade a prohibición da fundación Franco. Neste sentido lembrou que a defensa dos 19 de Meirás estivo presente na Eurocámara a través da súa participación no grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín fixo referencia a dúas das iniciativas que a eurodeputada do Bloque trasladou á Comisión Europea e “que tiveron traxectoria, repercusión e bo resultado”, como son a estafa das preferentes e a comisión de investigación do Alvia. A candidata do BNG tamén salientou a defensa no Parlamento europeo son o cobro do IBI á Igrexa nos lugares con actividade económica nos que non lle corresponde exención, o control ambiental no vertedoiro de Miramontes, o cobro das pensións de emigrantes retornados/as e o mantemento dos fondos económicos para a nova estación depuradora de Compostela, así como a loita contra o franquismo.

“O BNG foi o primeiro en pedir que se investigara que acontecía coas estatuas do Mestre Mateo e a devolución do pazo de Meirás”, lembrou Sanmartín, quen denunciou a “covardía do PSOE no Estado por non querer actuar e presentar a demanda de Meirás”, sinalando que Ana Miranda foi quen de trasladar ao Parlamento Europeo o caso das estatuas e do pazo, “para que todo o mundo coñecese o rostro do neofranquismo e da ultradereita”.

 

DESCARGA:

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG