Grazas a Rosalía e Castelao existimos como pobo: homenaxeémolos cun Día da Patria masivo

Iván Area

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, chamou este martes ás galegas e aos galegos a que se poñan man á obra para reconstruír o país logo do paso polo Goberno "desa brigada de demolición que se chama Goberno Feijóo".

"Hai moito que construír tras o paso desa arma de destrución masiva que foi o Goberno Feijóo", afirmou Jorquera no Panteón de Galegos Ilustres durante o acto de Homenaxe a Rosalía e Castelao organizado por Galiza Nova, nas vésperas do Día da Patria Galega.

Feijóo chegou ao poder cun obxectivo: tentar acabar coa lingua galega, propósito que non culminou grazas á enorme reacción de dignidade da sociedade e ás mobilizacións de Queremos Galego, argumentou Jorquera. "Agora ese mesmo Goberno Feijóo vai camiño de acabar coa base produtiva e o propio autogoberno de Galiza", dixo.

Para o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Galiza "vive unha auténtica emerxencia nacional" e necesita máis que nunca "de nós", así aludiu Jorquera aos militantes e simpatizantes do Bloque, como continuadores do inxente labor de reconstrución nacional feito por Rosalía e Daniel.

Acusou o PP de "centralizar o poder para concentrar aínda máis a riqueza e o poder económico". Ese sería o deseño do Goberno Rajoy, ao que cualificou de "goberno de imperialistas fracasados".

Os ditados do IV Reich

Son imperialistas fracasados, argumentouno, porque "non son capaces de defender os intereses de España na Europa dos mercaderes" e porque "sacrifican a soberanía de España para submeterse aos ditados do IV Reich".

Mas imperialistas ao fin, móstranse "dispostos a aplicar a mesma prepotencia da emperatriz Merkel contra Galiza e os pobos do Estado", estratexia coa que colaboraría cúmplice o presidente da Xunta.

Se aínda somos galegas e galegos é por obra e graza de Rosalía e Daniel

Parafraseou a Castelao -"ídesme participar a ousadía de facelo"- ao afirmar que "se aínda somos galegas e galegos é por obra e graza de Rosalía e Daniel", aos que, citando á profesora "e compañeira" Pilar García Negro, cualificou de "símbolos da Galiza que non renega de si mesma".

Gabou a valentía que demostraron Rosalía e Daniel ao ir sempre contracorrente e ao tomar partido polos humildes, polos desherdados.

"O seu labor non foi doado. Tiveron en fronte á caverna españolista da época. Nese esforzo sofreron tamén baixas e desercións", remarcou.

Vivemos tempos que reclaman a rebeldía que cantou Rosalía no seu poema A Xustiza pola Man, enfatizou Jorquera, quen abriu un espazo para a esperanza ao asegurar que "hai pobo" e enerxía social para reconstruír o país.

"Hai pobo como demostrou con dignidade ao berro de Nunca Máis. Hai pobo como demostrou con patriotismo dicendo Queremos Galego. Hai pobo como demostrou o pasado xoves coa súa oposición masiva aos recortes", concluiu Jorquera.

Iria Aboi

A intervención de Jorquera estivo precedida por un breve discurso da secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, quen criticou con dureza a política antigalega despregada polo cínico Goberno Feijóo.

Cínico porque recentemente ten dito Feijóo que leva a Galiza no corazón cando, denunciou Aboi, "tanto se ten esforzado para impedir que os nenos e as nenas do noso país fosen escolarizados en galego".

Os dirixentes do PP énchense a boca hipocritamente con Rosalía, mais, censurou Iria Aboi, este ano celebramos o 175 aniversario do nacimento da poeta de Padrón ante o "clamoroso silencio" da Xunta de Galiza.

A dirixente xuvenil non ve casual que o mesmo partido que nega aos mozos e ás mozas de Galiza o coñecimento directo do legado emancipador de Rosalía e Castelao -queren que a mocidade medre en Galiza na "amnesia colectiva"!- prepare agora unha contrarreforma reaccionaria da lei do aborto: "Son golpistas disfrazados de demócratas", espetou.

Alén do máis, o acto contou coa participación, na leitura de textos, da cantante Najla Shami, o ciclista Ezequiel Mosquera, o actor e director de dobraxe Luís Iglesia Besteiro, a actriz Iria Fernández Sobrado, e as xornalistas Carme Vidal Laxe e Tereixa Navaza.

Non se limitaron a ler e a cantar. En intervencións moi sentidas, partillaron co auditorio historias da súa vida que dalgunha maneira os ligaban aos mundos de Rosalía e Daniel, a súa paixón por Galiza, pola lingua galega, e polas clases populares que durante séculos termaron da existencia de idioma e cultura nacionais.

A interpretación do hino nacional, precedida da oferenda floral a Rosalía e Daniel, correu a cargo do gaiteiro Iván Area, quen non perdeu a oportunidade de criticar o goberno galego por eliminar a letra do noso hino na campaña de publicidade institucional "Galicia competitiva".

"Xa non é que mutilen o hino suprimindo a estrofe na que aparece 'nación de Breogán, é que directamente eliminan a letra. Ha ser para asimilalo ao chunda-chunda do hino español", chanceou.

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG