Grazas ao BNG a CE estudará a proposta da CIG sobre a tarifa eléctrica para industrias como Alcoa

BRUSSELS, Belgium Monday, 17DEC18 .- Reunión de de CIG-BNG con comisario Cañete en el edificio de la Comisión Europea. 2018 © Delmi Álvarez
Reunión de CIG-BNG co comisario Cañete no edificio da Comisión Europea. 2018 © Delmi Álvarez

Ana Miranda salienta que novamente as institucións europeas son máis receptivas que o goberno estatal e o galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, destacou a importancia de abrir unha vía de diálogo coa Comisión Europea tras a xuntanza mantida polo secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, e representantes sindicais das plantas de Alcoa da Coruña e San Cibrán, co Comisario de Enerxía e Acción para o Cambio Climático, Miguel Arias Cañete.

“Queremos poñer en valor este feito porque o escano do BNG está servindo para traer problemas do país como o Alvia ou o saneamento das rías, pero tamén un tema que está afectando a tantos postos de emprego como é o das plantas de Alcoa”, explicou Miranda sobre os diferentes encontros xestionados desde o escano do BNG.

A eurodeputada nacionalista destacou que o encontro celebrado hoxe ten o obxectivo de que “serva para abrir unha vía de diálogo e poñer o noso escano ao servizo dos traballadores de Alcoa”, xa que no seu transcurso os representantes sindicais puideron expor ao Comisario a proposta da CIG sobre a tarifa eléctrica para a industria electrointensiva, é dicir, para aquelas industrias que dependen en gran medida da electricidade para o seu proceso produtivo.

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualificou de positiva a reunión co Comisario, a quen solicitou a posta en marcha dunha tarifa eléctrica "estable e predecible e cunha regulación xusta" para industrias que dependen en gran medida da electricidade para o seu proceso produtivo a raíz da situación de Alcoa.

BRUSSELS, Belgium Monday, 17DEC18 .- Reunión de de CIG-BNG con comisario Cañete en el edificio de la Comisión Europea. 2018 © Delmi ÁlvarezContinuidade das mobilizacións

“Fixemos un plantexamento ante a necesidade de tomar medidas polo goberno español, pola Xunta de Galiza e pola Unión Europea, de cara a dar futuro aos traballadores da industria electrointensiva”, explicou Carril, non só en referencia a dramática situación das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, senón tamén do “nefasto resultado” da subasta da semana pasada, que está provocando un regueiro de medidas contra o emprego.

Segundo manifestou o secretario xeral da CIG ”entendemos que a Unión Europea debe dar unha resposta ante a inoperancia do goberno español”. Considerou asemade como “escandaloso e insólito" que foran recibidos antes polo Comisario europeo que por representantes dos ministerios españois de Transición Enerxética e Industria, así como da administración galega, con negativas sistemáticas á hora de poñer enriba da mesa alternativas que eviten o peche de Alcoa.

Paulo Carril instou a que a Unión Europea "adopte todas as medidas, posibles e imposibles" que eviten o peche de Alcoa mentres se adopta un marco regulador "xusto" para a enerxía e o conxunto electrointensivo. Sinalou que acordaron seguir mantendo o contacto ao tempo que o Comisario se comprometeu a dar resposta a algunhas das cuestións planteadas hoxe.

“Entendemos que Alcoa está utilizando aos traballadores como reféns e esperemos que cese nesa posición e recapacite para que dea tempo a que se poidan traducir en cambos lexislativos para elaborar esa tarifa industrial”, manifestou, ao tempo que sinalou que “non se pode xustificar que Alcoa tome unha decisións cunhas consecuencias tan brutais para os traballadores”.

Pola súa banda, o delegado da CIG na planta coruñesa de Alcoa, Julio Moskowich, asegurou a continuidade das mobilizacións, como a que terá lugar este mércores cunha marcha de traballadores procedente de Ribadeo e outra desde Castropol, cun encontro da ponte vella de Vegadeo. “Non imos parar de petar en todas as portas que sexan necesarias para buscar unha solución”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG