Ana Pontón

Galiza non precisa un gabinete electoral de Feixóo en campaña permanente, senón un goberno que dea solucións

Ana Pontón
Ana Pontón

O apurado pistoletazo electoral do PP ten por finalidade tapar os batacazos nas urnas “con máis propaganda e publicidade”, denuncia

A Galiza “familiar, moza, innovadora, verde” é a Galiza do inverno demográfico, da emigración da xente nova, á cola en I+D+i e dun monte convertido nun polvorín

A portavoz nacional, Ana Pontón, replicou ao que definiu como “acto de publicidade e propaganda” co que Feixóo deu “o pistoletazo de saída de precampaña electoral do PP” utilizando partidistamente a sede do Goberno galego.

“Se Feixóo quere facer campaña electoral é cousa súa, pero que use a sede do PP non a Xunta de Galiza que é de todos os galegos e galegas e non unha prolongación do seu partido”, indicou a líder nacionalista, para quen os datos “falan por si solos” sobre a Galiza “familiar, moza, innovadora e verde” que o actual presidente popular se marco como retos de futuro como se o PP non levase décadas de desgoberno.

“Preguntámonos se a Galiza familiar é a do inverno demográfico e a da peor crise poboacional da súa historia; se a Galiza moza é a dos 200.000 mozos e mozas emigradas porque décadas de gobernos do PP non lle deron alternativa; se a Galiza innovadora é á que está á cola en I+D+i, que perdeu o 50% das empresas innovadoras, na que se fuga o talento investigador marcado por unha precariedade total; e se a Galiza verde e a dun modelo forestal no que o monte é un polvorín convertido nun problema ambiental e de seguridade cidade”, replicou Pontón.

Para a dirixente do Bloque o apurado arranque da precampaña electoral obedece ao intento de superar os “batacazos” das xerais e das municipais, “que deixan a un PP tocado e que pensa que con máis publicidade e propaganda pode reverter esta situación, pero Galiza non precisa un gabinete preelectoral de Feixóo senón un goberno que traballe, non campaña permanente porque así veremos como empeora a situación económica e social do país”, argumentou.

Pontón amosouse convencida de que vai abrirse un novo tempo político nas eleccións galegas do próximo ano que deixará atrás este “decenio negro” no que o actual residente de Monte Pio demostrou “que non ten proxecto de país e que forma parte do problema non da solución”.

“Hai outra Galiza posible e desde o BNG imos traballar para conseguir poñela en marcha cun proxecto sólido e coa man tendida para liderar ese tempo novo no que se deixe atrás a subordinación e substituíla pola ambición de país e crer no potencial de Galiza, que aposte polos sectores produtivos para xerar emprego digno e dar unha perspectiva de futuro á xente moza”.

Porque a estas alturas, -salientou Pontón- “que Feixóo pense que o problema demográfico se vai solucionar cunha tarxeta benvida de cen euros ao mes ou cunha lei propagandística só demostra o lonxe que está da realidade deste país e o lonxe que está de poder poñer sobre a mesa solucións reais, porque mudar o rumbo demográfico require outra política económica que dea expectativas vitais a xente moza, servizos públicos de calidade e unha aposta pola igualdade real”, explicou Pontón.

“Desde a publicidade e a propagando non se van solucionar os problemas deste país, por iso, estou convencida de que a maioría social va abrir esa nova etapa, e o Bloque vai traballar desde a seriedade e coa man tendida, con seriedade e con rigor para construír esa outra Galiza posible a partir das vindeiras eleccións galegas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG