O Foro da Auga márcase como obxectivo elaborar un informe global sobre o saneamento en Galiza

Foro da Auga
Foro da Auga

Ana Miranda salienta que o incumprimento da Directiva Marco da Auga e as perdas económicas son o nexo común que denuncian os colectivos medioambientais 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, valorou moi positivamente a celebración do Foro da Auga, que en Caldas de Reis reuniu un nutrido grupo de asociacións e plataformas medioambientais na defensa do dereito á auga e o seu saneamento. “O incumprimento da leis medioambientais da auga e, como consecuencia, as perdas económicas que se derivan da falta de saneamento integral son os elementos comúns que denuncian os colectivos”, salienta Ana Miranda, quen destaca asemade que no Foro instouse ás administracións a “non negar os problemas e poñer solucións enriba da mesa”.

A eurodeputada do Bloque remarcou a necesidade de elaborar un informe global sobre o saneamento da auga en Galiza que recolla todos os datos e situacións de falta de saneamento, que estea preparado para o próximo período europeo. “É o momento histórico axeitado, polo cambio que vai haber”, explicou Miranda, quen salientou que ese informe debe recoller os diversos puntos de vista das plataformas medioambientais e de defensa da calidade das augas, tanto das rías como dos ríos.

Foro Auga CaldasA eurodeputada nacionalista considerou que o Foro da Auga pode ser unha “ferramenta de ponte” entre as distintas plataformas, asociacións e colectivos para que poidan a fondar na colaboración e o apoio entre elas. O informe da auga, segundo salientou Ana Miranda, “debe ter unha visión global, desde todas as perspectivas do país, xa que o problema é o mesmo en toda Galiza: o incumprimento da lexislación”, quen asemade propuxo apoiar a iniciativa cidadá en defensa do saneamento da auga.

Ampla participación

O incumprimento da Directiva Marco da Auga, a falta de saneamento integral, os vertidos incontrolados, e a contaminación causada por Ence ou distintas bacterias  son algúns dos problemas que explicaron os representantes dos diferentes colectivos participantes na xornada.  Así, tomaron a palabra o portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, Serxio Regueira; da Plataforma en Defensa da Ensenada de San Simón, Antonio Lores; da Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra, Antía Massa; a expresidenta das Mariscadoras de Cambados, María Xosé Cacabelos; a Plataforma en Defensa do Río Verdugo, Fernando Malvar; e a Plataforma Antiencoro do Umia, Paloma Fernández.

Por outro lado, dos problemas concretos da falta de saneamento e as súas consecuencias negativas nas economías locais de Culleredo (Ría do Burgo), Cuntis, Noia, Vilagarcía e Viveiro, falaron Tono Chouciño, Manuel Fariña, Ricardo Suárez, Lucía Veloso e Seve Salgueiro, respectivamente, todos e todas expertos no eido do saneamento, ben polo seu traballo no respectivo concello ou polos seus traballos de investigación.

Foro Auga Caldas públicoFalta de transparencia

“O principal problema é que as administracións non recoñecen a existencia de problemas de saneamento, e este é precisamente o maior problema que temos, porque provoca que non se busquen solucións”, denunciou o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, Serxio Regueira. Neste mesmo sentido expresáronse outros intervintes, como a concelleira do BNG en Vilagarcía, Lucía Veloso, quen fixo referencia á imposibilidade de obter datos reais sobre os residuos dos barcos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG