Firme apoio do BNG ao pobo saharauí na súa loita pola autodeterminación e independencia

O BNG insta ao goberno español a deixar de ser parte do problema do pobo saharuí e ser parte da solución na súa loita pola independencia

bandera-rasdO Bloque Nacionalista Galego mostra o máis firme apoio ao pobo saharauí na súa loita pola autodeterminación e a independencia, nestes momentos de alerta máxima, tras a decisión de Marrocos de expulsar do Aiun, capital do Sahara Occidental, a 84 membros da Minurso e pechar a oficina de enlace militar de Dajla.

Con esta actuación Marrocos pon en risco o alto ao fogo en vigor desde 1991, aumentando as tensións no Sahara Occidental e ameazando a seguridade na zona.

A política de Marrocos de obstrución e non cumprimento do acordo de paz asinado en 1991, coa finalidade de organizar un referendum de autodeterminación, está tendo a súa culminación co desafío á comunidade internacional, en especial ás Nacións Unidas, negándose a que o Secretario Xeral Ban Ki-moon visitara Rabat e o Aiun, expulsando posteriormente aos membros da MINURSO, como represalia pola visita do secretario xeral aos campamentos, e procedendo a aumentar os efectivos militares nos territorios ocupados.

Marrocos apoderouse do Sahara Occidental con violencia e todo indica que non ten intención de abandonalo. O Estado español sigue a ser a potencia administradora, xa que os chamados Acordos Tripartitos de Madrid, nos que lle cedía o Sahara Occidental a Marrocos e Mauritania, son nulos de pleno dereito, debe polo tanto asumir a súa responsabilidade, ten que deixar de ser parte do problema e pasar a ser parte da solución, non pode manterse indiferente diante das provocacións de Marrocos no Sahara Occidental.

O Consello de Seguridade de Nacións Unidas vai aprobar unha resolución sobre a situación do pobo saharauí a finais de abril, toda vez que na actualidade o Estado español forma deste consello,como membro non permanente, ten a obriga de facer todos os esforzos para que se converta nun feito o dereito recoñecido do pobo saharauí á autodeterminación, súa independencia, e a celebración do referendum con todas as garantías.

O BNG fai un chamamento ao Goberno español a que teña unha posición firme na defensa do dereito do pobo saharauí á súa soberanía e á recuperación do seu territorio, ocupado ilegalmente, a que lle esixa ao reino de Marrocos, respecto polos dereitos humanos no Sahara Occidental e a liberación de todas @a presas políticas saharauís, presos nas súas cárceres por defender os seus dereitos.

Facemos un chamamento ao Consello de Seguridade da ONU para que asuma a súa responsabilidade e remate coa política de dilación practicada co Sahara Occidental, e que tome o acordo de que se dote á MINURSO co mandato de supervisión e vixilancia dos dereitos humanos, e leve a termo a súa misión coa organización do referendum.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG