Imprimir

O Festigal arrasa!

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 25 de xullo de 2012

A música e a cultura galegas volverán ser protagonistas na segunda xornada do festigal 2012 este Día da Patria Galega 25 de xullo. A Galeria das Letras contará coa presenza de Xosé Neira Vilas, Camilo Nogueira, Suso de Toro, Valentim Fagim, Manuel Bragado, Victor Freixanes ou Teresa Moure, entre outros. O candidato do BNG á Xunta de Galicia, Francisco Jorquera, acompañará ao catedrático da USC Xavier Vence na presentación do seu libro “Crise e radicalización neoliberal”.

O Dia da Patria Galega pecharase no Campus Sur de Compostela cos concertos de De Outra Margem, da cantante SÉS, do cuarteto “a Cada Canto”, integrado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, e TERBUTALINA. Previamente, no Café Concerto e a partir das 5 da tarde poderase desfrutar de curtametraxes premiadas no Festival de Cans e da música de Alvariza e Cantata Vernácula. A oferta musical complétase cos pasarrúas de grupos de música tradicional galega como Os Carapaus e Os Minhotos que actuarán durante o día polo recinto do Festigal e na zona de xantar.

Feira do libro

A tarde do Día da Patria Galega estará tamén animada cunha feira do libro, un espazo de venda de música galega, máis de 60 postos de artesanía, tendas e asociacións socioculturais e unha Galeria da Cultura tradicional, da Asociación de Gaiteiros galegos, onde desfrutar de treboadas e regueifas.

Para os máis cativos, ademáis de xogos e obradoiros, haberá teatro de rúa con Os Quinquilláns, monicreques con Babaluba e música, ás 19:15h, con Pirilampo.

A undécima edición do Festigal organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, conta coma sempre cun espazo para o debate de ideas.

Liberdades democráticas

Desta volta préstase atención á defensa das liberdades democráticas da man de Fernando Blanco Arce, presidente de ESCULCA, Antolín Alcántara, sindicalista da CIG e Rubén Cela, portavoz municipal do BNG en Compostela. O mércores 25 ás 7 da tarde na Galeria das Ideas.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/festigal-arrasa/20120725113204009800.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr