Ana Pontón

Feixóo traizoa Galiza primando os privilexios das eléctricas para deixar tirados os traballadores de ALCOA

Ana Pontón
Ana Pontón

PP e PSOE votan en contra da tarifa electrointensiva e a tarifa eléctrica galega que propoñía a redución das peaxes e baixar o IVE ao 4%

Galiza exporta o 40% da electricidade que produce pero en 2018 perdeu 8.500 postos de traballo no sector industrial e, a día de hoxe, hai 2.000 empregos en risco só na comarca da Coruña debido aos custes enerxéticos, con ALCOA como exemplo máis claro.

Para corrixir este disparate, o BNG defendeu no Parlamento unha proposición de lei para que esa riqueza eléctrica se traduza en emprego e beneficios sociais mudando o actual marco enerxético.

“Demandamos unha nova relación enerxética entre Galiza e o Estado que beneficie ás familias mediante unha tarifa eléctrica galega e unha tarifa estable para as empresas electrointensivas”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, na defensa da proposta lexislativa do BNG que foi rexeitada cos votos do PP e do PSOE.

O Bloque propuxo “acabar cun modelo centralista que causa pobreza enerxética e destrución de emprego”, e substituílo por un marco que lle dea a Galiza capacidade para participar nas decisións sobre enerxía con tres finalidades: abaratar a luz a particulares e empresas, loitar contra a pobreza enerxética e impulsar a eficiencia enerxética.

A proposta de lei para logralo articúlase arredor dunha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz a familias e consumidores en xeral, e unha tarifa eléctrica estable para empresas electrointensivas como ALCOA.

Entre as medidas concretas, liberar aos consumidores do pago de peaxes alleos ao funcionamento do sistema eléctrico, -como primas ás renovábeis, custes extrapeninsulares e pagos de capacidade entre outros-, que deberían ser asumidos vía orzamentos do Estado. A proposta do Bloque tamén inclúe considerar a electricidade “como un ben de primeira necesidade” e, polo tanto, baixar o IVE aplicable do actual 21% ao 4%.  Ambas medidas permitirían a unha familia media aforrar 200 euros anuais na factura de luz.

No caso da tarifa electrointensiva para evitar que sexa  “un cheque en branco” para as empresas beneficiarias, a cambio “deben desenvolver plans de investimento industrial e garantir emprego de calidade”, indicou Pontón.

A iniciativa lexislativa do BNG foi rexeitada cos votos do PSOE, -a quen Pontón recriminou que pedirá “paciencia a quen se está xogando o pan dos seus fillos e fillas”- e polo PP, cun Feixóo “que volve demostrarnos que a súa coherencia é sempre traizoar os intereses de Galiza ante un tema clave para poder ter futuro”.

Recuperar tempo perdido

Pontón alertou do “tempo perdido” e instou ao Goberno da Xunta “a darlle futuro ás familias” das 2.000 persoas cuxo emprego no sector industrial está en risco polos custes enerxéticos, nun país que produce electricidade a esgalla e, ao mesmo tempo, combater a pobreza enerxética e beneficiar aos consumidores.

“É triste ver como a maioría do PP con Feixóo á cabeza prefire defender os privilexios das eléctricas que o dereito de Galiza a ter un trato xusto, unha vez máis volve traizoar a Galiza, aos 400 traballadores e traballadoras de ALCOA, aos de Meirama, e vemos como este país lle importa un pito. Triste maneira de empezar 2019”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG