Ana Pontón

As familias que denunciaron a estafa de Construcuatro deben ser as primeiras en recuperar os cartos

Ana Pontón e afectados estafa Construcuatro
Ana Pontón e afectados estafa Construcuatro

Reunión das persoas afectadas con Pontón, quen denuncia que a continuidade de Telmo Martín na Alcaldía de Sanxenxo mostra até que punto “o PP está instalado na corrupción”

O BNG insta á Xunta, en particular a consellería de Infraestruturas e Vivenda que dirixe Ethel Vázquez, a que a trintena de familias que denunciaron os sobrecustes na compra de vivenda protexida por parte de Construcuatro sexan as primeiras en recuperar o diñeiro estafado pola empresa do alcalde do PP de Sanxenxo, Telmo Martín.

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que é o lóxico e o máis xunto coas persoas “que foron valentes e deron o paso de denunciar” e soportaron un periplo xudicial de doce anos, que concluíu con cinco sentenzas favorables, a última do Tribunal Supremo, condenando á empresa do “alcalde e promotor corrupto” a devolver 1,3 millóns de euros cobrados ilegalmente en negro, -800.000 correspondentes ás familias denunciantes-, e a pagar unha sanción á Administración de 2,4 millóns de euros.

“É unha cuestión de xustiza e de sentido común porque estamos falando de traballadores e traballadoras que loitaron durante doce anos con poucos medios e moito esforzo para recuperar o seu diñeiro”, subliñou Pontón, tras lembrar que foi a daquela conselleira nacionalista de Vivenda, Teresa Táboas, quen abriu o expediente á empresa de Martín e quen puxo en marcha o Rexistro único de demandantes de vivenda protexida para impedir estafas como as perpetradas pola construtora do rexedor popular.

A dirixente do Bloque cualificou de “inconcibible” que un cargo público condenado por estafa na venta de vivenda protexida non presentase a súa dimisión ou fose cesado polo seu partido, “que siga como si nada á fronte da Alcaldía de Sanxenxo da unha idea de até que punto o PP está instalado na corrupción e mostra tamén cal é o listón democrático e ético do Partido Popular e do seu máximo responsable en Galiza o señor Núñez Feixóo”, denunciou.

Pontón mantivo un encontro cunha representación das persoas que denunciaron fai doce anos a Construcuatro, acompañadas do seu responsable xurídico, Antonio Salceda, da concelleira do BNG en Sanxenxo, Sandra Fernández, -quen subliñou que Telmo Martín era tamén alcalde deste concello no momento da estafa-, e do responsable local do Bloque en Vigo, Manuel Caride, xa que as vivendas protexidas polas que chegaron a pedir un sobrecuste de 60.000 euros están ubicadas no barrio vigués de Navia.

Nun momento no que o prezo da vivenda no mercado libre estaba disparado en plena burbulla inmobiliaria, e cando para a maioría das familias o acceso a un piso só era posible a través do prezo taxado da vivenda protexida, o modus operandi da empresa de Telmo Martín estaba baseado na chantaxe de “se queres a vivenda protexida tes que pagar unha cantidade en B”. A estafa pretendía xustificarse con supostas melloras construtivas que non existían, ademais de que, baixo ningún concepto, se pode incrementar o prezo da vivenda protexida, como quedou determinado polo Tribunal Supremo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG