A eurodeputada Ana Miranda leva o Parlamento Europeo a contaminación do encoro do río Umia

Encoro de Caldas de Reis (Foto: JDrone)
Encoro de Caldas de Reis (Foto: JDrone)

O BNG alerta dos riscos para a saúde que provoca a elevada presenza de cianobacterias e reclama a recuperación integral do contorno

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar unha pregunta á Comisión Europea sobre a contaminación do encoro de A Baxe, no río Umia, causada pola presenza continuada e en altos niveis da bacteria Microcystis. “É imprescindible facer controis rigorosos das augas e poñer fin a esta situación que se vive permanente en Caldas e Reis, tal e como vén denunciando desde hai anos o BNG”, afirma a eurodeputada. 

A presenza desa cianobacterias no embalse do Umia é unha constante nesta zona desde hai anos. Ademais de tinguir a auga de verde, ten provocado o colapso do sistema de depuración da ETAP de Caldas, como en 2010, causando graves problemas de abastecemento de auga á poboación. Nese ano, a mediados de setembro, superáronse os 2,4 millóns de células e o nivel de clorofila alcanzou os 342 microgramos por litro.

Neste mesmo verán de 2018, os datos mostraban que a alga pasara das 84.250 células por mililitro de auga o 2 de xullo a 28.750 o 9 de xullo. “Estamos ante unha grave situación que se repite continuamente e que loxicamente preocupa á veciñanza da zona”, manifesta Miranda, quen alerta de que se aumenta a presenza da alga, o subministro e a  potabilidade da auga non está garantida.

Precisamente a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera que estar en contacto con esas augas contaminadas polas cianobacterias pode provocar doenzas gastrointestinais, como náuseas, vómitos, diarrea e febre; así como infeccións de ollos, ouvido e gorxa. Incluso nos casos máis graves pode darse problemas hepáticos ou de fígado.

Desmantelamento do encoro

Pola súa banda, dende o BNG de Caldas, o seu portavoz Manuel Fariña explica que os afloramentos de cianobacterias prodúcense “pola confluencia de varios factores”, como son o encoramento das augas, o aumento das horas de luz e a subida das temperaturas. “É evidente que sobre o único que podemos actuar é sobre o encoramento, xa que sen encoro non hai cianobacterias”, suliña. 

Neste sentido, Fariña salienta que o BNG comparte a opinión de expertos como o doutor Fernando Cobo, “quen afirma publicamente que mentres haxa encoro haberá microcistina, polo que avogamos polo desmantelamento da presa e a recuperación integral do Umia”. Ao seu xuízo, “non se pode aceptar que a contaminación sexa o normal”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG