O Conselleiro de Industria non ofrece ningunha solución para garantir o futuro de Maderas Iglesias

Ana Pontón e Luís Bará c@s traballador@ Maderas Iglesias
Ana Pontón e Luís Bará c@s traballador@ Maderas Iglesias

Luís Bará recriminou ao titular de Industria “non ter feito ningunha xestión” para garantir a viabilidade e postos de traballo da empresa, pese a recibir un aval da administración pública

O deputado do BNG, Luís Bará preguntou hoxe ao goberno polas xestións realizadas dende o 17 de outubro do 2017 para garantir a continuidade da empresa Maderas Iglesias na zona sur da provincia de Pontevedra e lamentou que despois de tres meses, “a Xunta non fixera nada”.

O parlamentario, tras saudar aos representantes dos traballadores e traballadoras presentes no debate na tribuna de convidados explicou que Maderas Iglesias, é  “unha empresa punteira no sector da tarima flotante”, que contou con máis de 800 traballadores e traballadoras. Na  actualidade, reduciu o seu cadro de persoal a 250 persoas e factura  16 M€ e aínda así, recalcou, segue sendo unha das empresas máis importantes do sector no sur da provincia de Pontevedra. Bará engadiu que a maioría do cadro de persoal está ocupado por mulleres.

O deputado salientou que a empresa someteu ao colectivo de traballadores a sete EREs,  dous procesos concúrsaas e vulneración de dereitos laborais durante os últimos 8 anos ata chegar a “esta situación crítica” coa  ameaza dun Ere Extintivo e “manobras do empresario descapitalizando a empresa,  vendendo bens a prezo de saldo a familiares e facendo desaparecer a maquinaria e material”. O parlamentario cualificou de “grave” que mentres todo isto acontecía, a Xunta permanecera “inmóbil e ausente”.

O nacionalista aludiu  á recente aprobación “por unanimidade”, á instancias do BNG, dunha proposición instando ao goberno galego  a realizar accións  necesarias ante a dirección de Maderas Iglesias para “garantir a continuidade da empresa, manter o emprego e velar polos dereitos laborais” e despois de tres meses dese acordo parlamentario,  vostedes, afirmou , “non fixeron nada en todo este tempo”.

Pola súa parte, o conselleiro de Industria despachou o asunto sen ofrecer a máis mínima garantía de continuidade para a empresa. Bará recriminoulle a “distinta vara de medir” para defender a Elnosa, mesmo forzando a lei e permitindo que se vaia a pique  Muebles Iglesias  con cinco veces máis postos de traballo que Elenosa”.

A empresa, engadiu o nacionalista, conta cun aval do IGAPE e a Xunta ten unha responsabilidade porque puxeron cartos públicos ademais da obriga de defender o emprego industrial polo que pediu “renegociar a débeda” e reunirse coas partes para buscar unha solución porque se esta empresa pecha, “será unha catástrofe para o sector industrial da zona sur de Pontevedra ademais dun drama social e económico para máis de 200 familias”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG