Imprimir

O Congreso aproba, por iniciativa do BNG, a intervención pública de Alcoa

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 13 de outubro de 2020

Intervención de Néstor Rego na comisión de industrial onde se debate a iniciativa do BNG para nacionalizar ALCOA.
Intervención de Néstor Rego na comisión de industrial onde se debate a iniciativa do BNG para nacionalizar ALCOA.

Néstor Rego destacou que a negativa da multinacional norteamericana para vender a planta a Liberty House só deixa a intervención pública como única solución para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña.

O Congreso aproba, a partir da iniciativa presentada polo Bloque Nacionalista Galego na Comisión de Industria, Comercio e Turismo, unha resolución na que se insta ao Goberno español a adoptar cantas medidas sexan necesarias o máis axiña posíbel, incluída a intervención pública temporal para a súa posterior venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viábel,  para o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo na factoría de Alcoa en San Cibrao.

O acordo foi posíbel por medio dunha transaccional alcanzada tanto co Partido Socialista como co Partido Popular, que contou co apoio doutras forzas da Cámara.

Na súa intervención, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que “a negativa da multinacional norteamericana para vender a planta a Liberty House só deixa unha vía para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña e o mantemento da totalidade dos máis de 1.000 postos de traballo. E esa vía é a intervención pública”.

Rego recalcou que “ao BNG gustaríalle que esa intervención servise para nacionalizar a planta de aluminio, para retornala ao sector público” e lembrou que “ INESPAL foi unha empresa pública que nunca debeu ser privatizada, pero en todo caso sabemos que agora o urxente é buscar unha solución que garanta algo tan elemental como que se poida manter aberta a factoría e preservar a totalidade dos postos de traballo dos que dependen a vida de milleiros de persoas nos  Concellos da  Mariña.

O deputado nacionalista insistiu en que “o impacto do peche da planta de aluminio sería brutal para A Mariña e é algo que nunca, menos aínda neste momento de crise social e económica, podemos permitir.”

Néstor Rego instou o Goberno español e ao Goberno galego a pórse de acordo  para actuar da forma máis inmediata posíbel para garantir que a intervención da planta de aluminio saia adiante para manter os postos de traballo e a actividade industrial na comarca da Mariña.

E finalizou engadindo que “non hai outra alternativa” á crise económica e social que sofre A Mariña e lembrou que “miles de persoas están neste momento pendentes desa solución e desde logo o BNG, como sempre fixo, está ao seu lado”.

Na proposta presentada polo BNG tamén se incluía a posta en marcha dunha Tarifa Eléctrica  Galega, ao ser Galiza un país produtor excedentario de enerxía  eléctrica, e a aprobación inmediata do Estatuto da Industria Electrointensiva que establecera un marco adecuado para facer que esta industria fose realmente competitiva para saír da crise na que se atopa actualmente.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/congreso-aproba-iniciativa-do-bng-intervencion-publica-alcoa/20201013133832028236.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr