Comunicado da Executiva Nacional do BNG sobre as eleccións municipais e europeas do 26 de maio

Executiva Nacional do BNG
Executiva Nacional do BNG

En relación ao escenario aberto tras as eleccións do 26 de maio a Executiva Nacional do BNG fai as seguintes consideracións:

1.- O resultado das eleccións municipais confirma o avance social do BNG, consolidada ao Bloque como terceira forza política no ámbito municipal cunha sólida implantación territorial e sáldase con representación en todas as corporacións das grandes cidades galegas e coa alcaldía de Pontevedra.

2.- O incremento á alza trasládase tamén aos resultados das eleccións europeas, nas que se duplica o número de apoios nun notable avance que sitúa ao BNG como terceira forza política en Galiza tamén no ámbito europeo.

3.- O escenario postelectoral deixa un escenario aberto en moitos concellos e deputacións. Dixémolo en campaña e reafirmámolo agora: imos traballar para evitar gobernos da dereita . 

4.- O BNG tomará as decisións sobre os pactos avaliando caso a caso e nesa toma de decisións será clave o papel da militancia a través das asembleas locais. 

En todo caso, calquera acordo se formulará en base a criterios programáticos que permitan darlle á veciñanza gobernos transformadores, en clave de país, que aposten por un modelo municipal no que se teñan en conta cuestións como a mobilidade, a sustentabilidade, as políticas sociais e de igualdade, a defensa da economía local e de proximidade ou o apoio a lingua e a cultura do país.

5.- O BNG é unha forza política cun programa xenuíno, non homologable ás forzas de ámbito estatal, e imos traballar desde os concellos, -ben na oposición, ben no goberno-, para facer avanzar o proxecto de país que temos para Galiza e que, tamén se constrúe cun avance do BNG nas vilas e cidades.

6.- En relación ás deputacións, o BNG aposta por  unha reflexión demorada sobre o noso papel nestas institucións e facer unha avaliación do resultados dos pactos de cogoberno destes catro anos. En todo caso, de cara ao futuro, salientar que calquera acordo estará guiado polo criterio de baleirado competencial destas institucións, -un horizonte no que hai que camiñar-, pola eliminación de calquera amiguismo e caciquismo, garantido o seu funcionamento democrático e o trato igualitario a todos os concellos.

7.- O BNG vai abrir un espazo de diálogo  para evitar gobernos de dereita e poder levar a cabo políticas realmente transformadores.

8.- A Executiva nacional volve trasladar o seu recoñecemento a toda a militancia e simpatizantes,  candidatos e candidatas polo seu traballo. O mellor do BNG é unha militancia activa, que actúa con xenerosidade e cun único interese: fortalecer a presenza do nacionalismo galego para ofrecer un horizonte de esperanza para este país.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG