A Comisión Europea dálle a razón ao BNG e inicia procedemento de infracción contra o Estado español

visita Alvia Comisión Europea
visita Alvia Comisión Europea

A CE considera que o Estado español incumpriu a normativa de seguranza ferroviaira

A eurodeputada do BNG valora moi positivamente esta decisión que servirá para coñecer “por fin” a verdade sobre o accidente de Angrois

 

Tras anuncio realizado hoxe pola Comisión Europea da inicio do primeiro paso do expediente contra o Estado español por infracción do Dereito Comunitario por incumprimento das obrigas de seguridade ferroviaria sobre a avaliación específica do control de riscos, que non se cumpre no momento actual, a eurodeputada do BNG Ana Miranda subliña que “chega dende Europa o momento de coñecermos a verdade e a xustiza, algo non acadado no Estado”.

Ana Miranda considera que o feito de que a Comisión Europea decida iniciar este procedemento “dálle a razón ao BNG” tras o seu longo e intenso traballo desenvolvido en Europa no obxectivo de buscar da verdade e da xustiza para as vítimas. “É unha neglixencia e unha irresponsabilidade poñer en marcha unha liña na que non se fixeron os controis pertinentes, e que pasaran cinco anos e que siga sen cumprirse a normativa e estaremos vixiantes nestes dous meses que o Estado ten de prazo para contestar”, afirma Miranda.

O inicio deste procedemento dá resposta á denuncia presentada pola eurodeputada nacionalista contra o Estado Español (Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís, ADIF e Renfe Operadora) o 7 de xullo de 2017, xusto un ano despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregara á Asociación de Vítimas do Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestiona a independencia da investigación realizada pola CIAF.

No documento, o BNG denunciaba ao Estado por infracción da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, en canto a avaliación de riscos da liña 082 pola que circulaba o tren Alvia, onde tivo lugar o dramático accidente o 24 de xullo de 2013 e no que faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas. Denunciábase ao Estado por non facer a avaliación de riscos, en relación co seu control integral e en relación cos cambios sustanciais na seguridade ferroviaria que se fixeron no proxecto da Liña Ourense-Santiago, tren Alvia de Viaxeiros de Longa Distancia 150/151 de Renfe Operadora, composto de 13 vehículos e nas condicións de seguridade do “proxecto na Bifurcación A Grandeira”.

Normativa de Seguridade Ferroviaria

A normativa comunitaria esixe que o Estado español debía ter velado porque RENFE e ADIF aplicaran obrigatoriamente as medidas necesarias de control de riscos coa responsabilidade de que houbera unha explotación segura do sistema ferroviario e do control de riscos creados nel, tal como esixe a Directiva marco de Seguridade Ferroviaria de 2004 e o Regulamento do Método Común de Seguridade de 2012. Esa normativa base esixe realizar unha avaliación de riscos integral nos sistemas estruturais (Infraestrutura, enerxía, control de mando e sinalización, sistemas de xestión do tráfico ferroviario...). Miranda lembra que segundo a normativa aplicable, ADIF debía ter feito a análise integral de riscos para a posta en servizo da lina AV 82, tanto identificando os posibles perigos na condución pola interacción dos subsistemas, como o factor humano, como o deseño da lina.

Riscos actuais

"Existía un risco de descarrilamento claro e evidente”, afirma a eurodeputada nacionalista, quen lamenta que non existisen sistemas de seguridade complementarios e se deixase todo o peso en mans do maquinista. “O peor de todo é que a dia de hoxe, tal como se desprende da decisión tomada pola Comisión Europea, non se realizaron os cambios necesarios e polo tanto, iso significa que no momento do accidente hai cinco anos tampouco se fixeran", sinala a eurodeputada do BNG.

Resposta ao traballo continuo

A apertura de procedemento de infracción é froito do persistente traballo desenvolvido por Ana Miranda en Europa, que xa en novembro de 2015 xestionou a posibilidade de que as vítimas mantiveran reunións en Bruxelas cos responsables comunitarios en seguridade ferroviaria, a partir das que foi elaborado o Informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) en xullo de 2016. Tamén fixo posible posteriores encontros co Director da ERA e, xa en xuño de 2018, unha reunión coa Comisaria de Transportes, Violeta Bulc, quen sempre mantivo un gran interese e empatía por esta traxedia.

Ademais, a eurodeputada do Bloque levou a cabo a intermediación necesaria para que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) enviara ao xuíz instrutor do accidente -despois de que o documento desaparecera misteriosamente-, a resposta a un cuestionario que conclúe que non se realizaron os necesarios controis de avaliación de riscos na vía e no tren, e por tanto no sistema de dobre verificación que esixe o Regulamento comunitario aplicable.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG