A comisión alternativa de sanidade denuncia que a saúde mental ten un déficit de persoal de até o 50%

Comisión alternativa sanidade
Comisión alternativa sanidade

Prado critica a “realidade matrix” da comisión do PP e avanza novas comparecencias na comisión alternativa a petición d@s profesionais

Destaca que a atención psiquiátrica e psicolóxica “é unha das grandes damnificadas polos recortes” do Goberno de Feixóo

A cuarta sesión da comisión alternativa coas comparecencias de Rosa Cerqueiro Landín, -psicóloga clínica-, e Miguel Vieito Villar, -especialista en dereito sanitario-, seguiu afondando nas consecuencias dos recortes e das privatizacións na sanidade pública, neste caso en relación á situación da prestación de saúde mental e en relación á exclusión do sistema de determinados colectivos como a poboación emigrante.

En relación ao primeiro aspecto, as declaracións e os datos facilitados nas intervencións confirman o deterioro da saúde mental en Galiza, que arrastra un déficit de persoal de 32% no caso de doenzas que requiran atención psiquiátrica e do 50% no caso de atención psicoloxica. Igualmente, se o tratamento require terapia ocupacional o déficit de persoal acada o 33%.

A denuncia de que a Xunta non dota de recursos necesarios o Plan galego de saúde mental foi contundente, en particular no caso de atención a nenos, xente nova e psicoxeriatría. Esta falta de medios económicos e humanos tradúcese nunha peor calidade asistencial que, en moitos casos, termina agravando as patoloxías das persoas doentes  e substituíndo terapias acaídas por un exceso de medicación.

De feito, a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, salientou que “a saúde mental é unha das grandes damnificadas e das grandes esquecidas en canto a dotación de recursos, colocando sobre as familias a responsabilidade de atender aos doentes que, se carecen de medios, poden caer na exclusión social”.

A especialista comparecente Rosa Cerqueiro sintetizou en tres as principais consecuencias do deterioro da asistencia en saúde mental: provoca un aumento da desigualdade, da pobreza e da exclusión social;  incrementa o risco tanto para as persoas coidadoras como para as persoas atendidas de que se dean sucesos graves como mortes por suicidio, accidentes ou agresións ao persoal e, finalmente, hai unha vulneración de dereitos fundamentais das persoas doentes.

Limitacións para a prestación psiquiátrica, limitacións para ingresos hospitalarios, aumento das listas de espera, tentativas tanto de pechar unidades hospitalarias de psiquiatría como de pechar camas, falta de infraestruturas e obsolescencia de material e de métodos figuran entre a relación de déficits que debuxan “un panorama sombrío” na prestación de saúde mental.

Na comisión tamén se abordou a situación de exclusión social de colectivos como os emigrantes tras o real decreto aprobado polo Goberno de Raxoi en 2012, é aínda en vigor, polo cal 873.000 tarxetas sanitarias deixaron de estar en vigor no Estado, 7.000 en Galiza.

Segundo os datos expostos na comisión en base a un informe no que participaron as valedorías do pobo de diferentes territorios, entre eles Galiza, a ratio de mortalidade entre ese colectivo foi do 15% tres anos despois de aprobarse a normativa excluínte. O Goberno da Xunta tiña marxe para dar atención sanitaria a poboación emigrante, explicaron na comisión, pero optou por un labiríntico sistema burocrático que, na práctica, facía case imposible o acceso á sanidade pública.

Datos que arrepían

Para Prado, a información aportada nesa cuarta sesión da comisión alternativa “deixa claro porqué o PP non quería escoitar estas comparecencias e a súa rotunda negativa a que os datos facilitados se fixeran oficiais no Parlamento”.

A deputada nacionalista contrapuxo “a realidade matrix da comisión absolutoria do PP á que puxo o ramo de peche Feixóo coas declaracións solventes, con datos contrastados e coa experiencia profesional destes comparecentes”, aos que Prado agradeceu a súa “valentía e honestidade” para aportar o seu coñecemento e diagnose da situación da sanidade pública tras unha década de recortes e privatización.

Neste sentido, Prado avanzou que haberá “novas comparecencias de profesionais e representantes de diferentes colectivos porque nos están pedindo poder acudir a esta comisión alternativa”. “Os datos facilitados hoxe arrepían e non imos ser cómplices a través do silencio, por iso seguiremos dándolle voz a toda as persoas que están loitando por unha sanidade pública, de calidade e universal”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG