Xerais 2019

Carme da Silva reclama en Vilagarcía un tren galego de proximidade con frecuencias e tarifas axustados

Estación de Vilagarcía de Arousa

A cabeza de lista Carme da Silva asegura que unha das prioridades do BNG no Congreso será apostar por liñas ferroviarias que vertebren o territorio e dean servizo a persoas traballadoras e estudantes

Un tren galego de proximidade con frecuencias e prezos que realmente se correspondan cun servizo de curta distancia. Esa foi a demanda que puxo sobre a mesa hoxe en Vilagarcía a cabeza de lista do BNG ás eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, co compromiso de que será unha das prioridades que o Bloque levará ao Congreso dos Deputados a partir do 28 de abril.

Acompañada por outras integrantes da lista nacionalista no Salnés e tamén pola candidata á Alcaldía de Vilagarcía, Lucía César Veloso, Da Silva asegurou que Galiza precisa con urxencia un transporte ferroviario de proximidade “áxil e rápido” que conecte todo o Eixo Atlántico e tamén o interior do país permitindo o desenvolvemento das cidades e as súas contornas, así como das pequenas vilas. “Ata o de agora reclamacións como esta foron desatendidas polas forzas estatais, tanto por PP como por PSOE co apoio de Podemos e En Marea, que ignoraron a Galiza de forma alterna cando gobernaron. É preciso que o BNG volva dar voz a Galiza, porque o BNG sempre foi garantía de que cando estivo no Congreso condicionou as políticas do Estado en beneficio do país”, dixo.

Con respecto ao tren, a candidata indicou que é preciso ter uns horarios axeitados e uns prezos axustados que se correspondan cun transporte ferroviario de proximidade, xa que as tarifas das liñas actuais son extremadamente elevadas e non asequibles para viaxes continuas da xente traballadora. “O tren é o método de transporte máis eficaz para moitos estudantes que se moven pola liña da costa galega e para traballadoras e traballadores que terían uns gastos de mobilidade moito máis reducidos para acceder aos seus postos de traballo”, subliñou.

A nacionalista destacou que no momento actual a tendencia da mobilidade pasa por incrementar o transporte ferroviario, xa que é máis seguro, menos contaminante, e permite reducir o transporte con vehículo privado, que supón máis custes e é ademais unha das grandes causas da contaminación urbana e do cambio climático. Da Silva lembrou, de feito, que o tren debe ser unha opción de transporte alternativa a infraestruturas viarias como a AP-9, que supón “unha estafa para as galegas e galegos”.

“O tren é unha posibilidade moderna, adaptada ao século XXI, pero debe cubrir as necesidades reais de transporte na Galiza”, subliñou Da Silva, que insistiu en que vertebrar o territorio galego cun tren de proximidade é incluso máis importante que un tren de alta velocidade para grandes distancias. “De nada nos sirve chegar moi rápido a Madrid nun tren de alta velocidade se cando nos movemos polo interior do país non temos un tren que cubra as necesidades de transporte de traballadoras e traballadores, de estudantes, que é o que realmente define un sistema de transporte interior para Galiza”, subliñou.

Pola súa banda, a candidata do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, Lucía Veloso, asegurou que a demanda do tren de proximidade é continua dende hai anos, xa que son moitas as persoas que utilizan o ferrocarril para os seus desprazamentos, pero poderían ser máis se non houbese eivas de frecuencias e horarios. Veloso lembrou que o BNG reclamou nun Pleno Municipal a parada do AVE en Vilagarcía, pero indicou que “é fundamental” ter tamén unha rede de proximidade que evite que para ir da vila a Compostela e viceversa haxa que agardar entre 50 minutos e unha hora para coller o seguinte tren.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG